Sábado. 05.12.2020
El tiempo

Tesouros da Parroquia de Berdoias (IV): A Eira do Buxán, en Santa Cristiña

Continuamos da man “Asociación Parroquial de Berdoias“ e o Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias. Hoxe seguimos ca serie sobre as construcións de transformación de gran, coas Eiras.
Tesouros da Parroquia de Berdoias (IV): A Eira do Buxán, en Santa Cristiña

Mostra do Patrimonio Material da Parroquia de Berdoias:
Construcións de transformación do Gran (IV):
A Eira do Buxán, en Santa Cristiña

Santa Cristiña é un pequeno lugar de catro veciños, o máis septentrional da parroquia de Berdoias, que aínda conserva hoxe unha abundante, variada e ata singular riqueza etnográfica. E dentro dos elementos do seu patrimonio material destaca A EIRA DO BUXÁN na que, acompañada da súa cabana para gardar o gran, aínda loce un chan empedrado con lousas; e un bordo cun valado perimetral feito a base de antas chantadas verticalmente na terra lixeiramente inclinadas cara fóra, e, a súa vez, combinado e reforzado con cachotería nalgún tramo.

Pero o máis singular e impresionante desta eira circular é a súa ubicación nun espazo elevado, soleado e ventoso, que se atopa enclavado na parte central do Curro de Santa Cristiña, ese fermoso cercado, duns seis ferrados, pechado cun valado de “pedra seca”. Ese cercado de longa historia , xa citado no século XVI polos condes de Altamira, un curro onde se gardaba o gando ceibo que andaba polo monte.

Noutros tempos, nesta mesma eira do Buxán, bestas do monte participaron tamén, co seu pisar, nas mallas do trigo, do centeo e da avea, para separar o gran da palla.


A Eira do Buxán, no medio do curro, vista dende a eira do Camaño

A EIRA DO BUXÁN ENCLAVADA NO MEDIO DO CURRO
A Eira do Buxán enclavada no medio do curro

5 MAPA DAS .EIRAS DE STA. CRISTIÑA-Berdoias-Vimianzo
Mapa das Eiras de Santa Cristiña

Tesouros de Berdoias

comentarios