Baio aprende de historia feminina cunha das súas mulleres de referencia: Carmen V. Valiña

Carmen V. Valiña na feira Baion co libro

 

 

No marco do ciclo cultural sobre memoria e identidade ‘Mulleres e Territorio’, o Concello de Zas organiza este sábado, 25 de abril, a presentación do libro ‘As tolas que non o eran. Mulleres no Manicomio de Conxo (1885-1936)’, da autora Carmen V. Valiña. A baiesa, despois de presentar na feira Baion, e no Club de Lectura Baiolendo, estará no Auditorio de Baio a partir das 20:00 horas. Unha cita aberta, con  entrada libre e gratuíta, para  poñer en valor o papel das mulleres na historia e na sociedade.

Na presentación estará acompañada do alcalde de Zas, Manuel Muíño; e e a directora do IES Maximino Romero de Lema, Ana Facal.
O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a relevancia desta cita, comentando que “é fundamental dar voz ás mulleres que foron esquecidas e promover espazos de reflexión como este”. Na mesma liña, o rexedor engadiu que “o ciclo Mulleres e Territorio nace coa vontade de reforzar a nosa identidade colectiva desde unha perspectiva máis inclusiva e xusta, e actividades como esta contribúen a enriquecer o tecido cultural do noso concello”.

Carmen V. Valiña é doutora en Historia Contemporánea e profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes, ademais de creadora e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos. A súa traxectoria combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha destacada faceta como escritora de ficción, na que as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía ocupan un lugar central.

Máis novas