Carmen V. Valiña levou a súa premiada novela ao Club de Lectura da súa casa
Xornada especialmente emotiva no Club de Lectura Baiolendo do IES Maximimo Romero de Lema. Unha baiesa como Carmen V. Valiña achegábase para presentar Illa de sangue, a novela galardoada co Premio Repsol de Narrativa Breve 2025.
O encontro serviu para afondar no proceso de creación da obra, que se inspira na illa de San Simón e na súa turbulenta historia, pero tamén para debater sobre algunhas das cuestións que aborda e nas que as persoas asistentes se puideron ver reflectidas: os tabúes e lazos familiares, a ruptura cun pasado que doe ou as consecuencias da represión que seguiu á Guerra Civil.
A través das personaxes de Helena, Coral ou Raúl, o clube serviu tamén para plantexarnos como as feridas do pasado e as relacións co noso entorno máis próximo nos condicionan, así como para plantexarnos que teríamos feito nós de ter estado no lugar que esas personaxes ocupan. Unha sesión na que a memoria, o pasado e os lazos familiares foron os auténticos protagonistas, a través dunha historia na que a desaparición da protagonista é só o punto de partida para formular cuestións que afectan directamente á identidade e á posición no mundo.






