Comezaron as obras da ampliación da Ponte de Baio... 10 anos despois

As obras prolongaranse todo o verán

Non era sen tempo… Xa pasaron 11 anos dende que a Xunta anunciara as obras de ampliación da Ponte da Piroga, a ponte que une A Piroga (Vimianzo) de Baio (Zas) salvando o río Grande.

Non sen recortes no proxecto, a Xunta licitaba a obra o pasado mes de decembro, e outros 6 meses despois comezan as obras.

As obras teñen un investimento de 328.000€, e consistirán fundamentalmente na ampliación da sección transversal mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais. A ampliación permitirá reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3 metros de ancho, beiravías de 0,25 ou beirarrúas de 2,10 metros de anchura.

Cronograma

A execución das obras foi programada por fases. Onte comezaron os traballos previos, coa instalación de sinais verticais, e hoxe, martes, continuarán co pintado e a colocación de barreiras para iniciar os traballos de escavación do noiro que aloxará as canalizacións para repoñer os servizos de telecomunicacións.

Nesta etapa preparatoria, está previsto ocupar un dos carrís e permitir tráfico de vehículos alternativo regulado con semáforos polo carril dereito, en sentido Fisterra. Ademais, habilitarase sinalización cos desvíos alternativos para os vehículos nos accesos pola AC-552 e nos enlaces coa AG-55. Os peóns terán un paso habilitado en todo momento.

A partir do 19 de xullo, comezarán os traballos de rehabilitación da ponte coa demolición do muro e o seu acondicionamento para a ampliación do taboleiro. Nestas fases permitirase o tráfico de vehículos alterno regulado con semáforos e os peóns terán un paso habilitado.

Na segunda quincena de agosto terá lugar a preparación da ponte para o asento das lousas. Durante estas semanas estará cortada totalmente a circulación de vehículos pola ponte, sendo obrigatorio utilizar os desvíos alternativos sinalizados. Desde xeito, evítase que o corte se realice na primeira quincena de agosto, cando hai máis afluencia de tráfico.

A principios de setembro xa se abrirá a ponte ao tráfico coa nova sección ampliada e realizaranse os cortes de carril necesarios para o estendido do aglomerado do taboleiro ou a execución das xuntas de dilatación.

NOVAS RELACIONADAS