A CULTURA GALEGA con maiúsculas para na Semana Cultural do IES de Baio
É sen dúbida un dos centros educativos máis activos da comarca. IES Maximino Romero de Lema celebrará entre os días 12 e 16 de maio a XIX Semana Cultural na que a CULTURA GALEGA con maiúsculas será a gran protagonista. Numerosas personalidades do eido da cultura pasarán polo centro baiés, afondando na importancia deste xeito de aprender fóra dos libros.
Unha das citas máis emocionantes será a que protagonicen Manuela Ángela Tomé, María Souto e María Silva, tres cantareiras do Concello, quecompartirán co alumnado a súa arte, a súa experiencia e a súa paixón pola música e a poesía popular. Nenos e nenas tamén terán a oportunidade de dar os primeiros toques nunha pandeireta e de bailar ao son das cantigas tradicionais.
Como non podía ser doutro xeito, participarase na homenaxe que o Concello fará a un dos persoeiros máis ilustres do concello polo centenario da súa morte, Enrique Labarta Pose, que terá lugar este martes 13 de maio ás 11:00 na praza Jorge Mira Pérez.
Tamén participará nun encontro literario, Eva Mejuto falará “daquelas que cantaron” co gallo da celebración das Letras Galegas.
Así mesmo, realizarase un roteiro literario polos espazos biográficos e literarios en Baio do poeta baiés que será guiado por Ricardo Vigueret.
Na xornada do mércores, reivindicarán o xogo como ferramenta viva de transmisión cultural, convidando á rapazada a descubrir e gozar da nosa cultura lúdica mediante máis de 25 xogos tradicionais.
Outras moitas actividades completan unha programación variada que abarca diferentes intereses: un taller gastronómico para principiantes, outro de creación de Ex libris; un sobre a arte do ganchillo; un escaperoom e un taller de fotografía para emprendedores; un obradoiro de expresión oral e as formas de comunicación no teatro; outro sobre a diversidade con animais invertebrados vivos.
Charlas que achegarán coñecemento sobre unha boa multitude de campos: a saúde mental e o suicidio nos adolescentes, a educación afectivo sexual, o coñecemento dos síntomas e dos coidados asociados ao alzheimer; o ciclo natural das mulleres; a preparación para o primeiro emprego; o mundo segredo dos cans.
Gozarán da maxia da Ciencia, conefctarán co mar a través do surf, aprenderán sobra a arte da rúa nun roteiro polo murais de Carballo. Tampouco faltará a música da man do García MC, un dos referentes das cultura hip-hop en galego, que poñerá o broche final a unha semana chea de actividades orientadas a poñer en valor o patrimonio cultural galego.