A rapazada do IES de Baio le, e escribe mellor, co exquisito Mes do Libro

Neste mes de abril son moitas as entidades, sobre todo municipais, que artellan programas culturais arredor do libro. Pero é que o programa que ten listo o IES Maximino Romero de Lema de Baio é espectacular, incluindo encontros con escritores, talleres, presentacións e meso un roteiro literario. Porque, como lembran dende a Biblioteca escolar, “a lectura e a escrita son dous procesos que van da man: a lectura é unha habilidade esencial para poder escribir. Por iso hai que ler máis, para escribir mellor!”
Onte arrincaba o programa do VII Mes de Libro do centro baiés coa visita do lucense Fernando Díaz-Castroverde que realizou un obradoiro de microrrelatos co alumnado de 2º ESO, que puido xogar coas palabras para crear as súas propias historias.
Ao longo da sesión propuxo diferentes métodos imaxinativos para animar á rapazada a escribir e a superar os medos asociados ao folio en branco. A partir de láminas de pintores moi famosos e, tomando como modelos relatos creados polo autor, tiveron que artellar cadansúa narración curta; tamén tiveron a oportunidade de inventar finais para escenas de filmes que visualizaron ou de redactar breves textos nos que liberaban a imaxinación e transformaban personaxes que Fernando lles propuña, atribuíndolles novas calidades e accións. Despois de cada actividade, procedíase á lectura en voz alta das creacións literarias elaboradas, algunhas delas resultaron ser moi orixinais e intensas.
Máis programa
O vindeiro luns, a escritora Montse Fajardo acompañará ás e aos integrantes do Club de Lectura de Adultos para compartir reflexións sobre a súa última publicación Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela.
O mércores 9, o alumnado de 3º ESO irase de roteiro literario Tras os pasos do neno labrego por terras de Vila de Cruces nas que visitará a Fundación de Neira Vilas, o cemiterio parroquial onde están soterrados Neiras Vilas e de Anisia Miranda, e outros espazos do lugar de Gres.
Javier Becerra, xornalista especializado en prensa musical, realizará un taller no que se mestura literatura e musical a partir da lectura de Isto é rock na que o alumnado de 1ºESO descubriu as principais iconas do rock n’roll.
Tras o descanso da Semana Santa, rapaces e rapazas de 1º de Bacharelato terán un encontro literario con Óscar Reboiras que lles falará da súa primeira novela A agonía das folerpas coa que gañou o II Premio de Novela da Galicia Rural.
Xa na recta final de abril, Icía Varela e Xosé Manuel Varela Varela presentarannos as súas Cantareiras e realizarán un obradoiro de música e poesía popular. Para pechar a conmemoración o alumnado de 4º ESO terá a oportunidade de compartir a lectura de Contas de buxo coa súa autora Raquel Fernández.