O IES de Baio leva un novo premio autonómico en materia de Innovación Educativa

Imaxe da presenza do alumnado do IES de Baio no Congreso INNOVA

A Xunta vén de anunciar os Premios Innovagal, unha iniciativa para poñer en valor o labor dos colexios e institutos que desenvolven enfoques didácticos innovadores para dar resposta ás necesidades particulares do seu alumnado. E un dos centros premiados é o IES Maximino Romero de Lema de Baio, como exemplo de innovación educativa.

A Xunta escolleu o centro pola posta en marcha de proxectos STEM a través do Club de Ciencia e dos Polos Creativos. Un xeito de “mellorar o rendemento académico e a motivación do alumnado a través de metodoloxías como a aprendizaxe baseada en proxectos, a gamificación, a educación ao aire libre, a realidade virtual ou a realidade aumentada”, entendn a Xunta.

”Este premio é un recoñecemento ao importante labor que se desenvolve neste Centro desde hai moitos anos e en ámbitos moi variados, como a igualdade, a lingua, a literatura, o medio ambiente, a música e as artes escénicas, o consumo responsable, a informática, a ciencia e a tecnoloxía, ... recibindo recoñecementos e premios tanto a nivel galego como a nivel nacional”, agradecen dende o centro.

Inciden ademais que é un premio para “toda a Comunidade Educativa: alumnado, profesorado, persoal non docente, familias, ANPA, Concello de Zas e moitas outras entidades, asociacións e persoas que a título individual e de maneira desinteresada estiveron e están implicadas nun proxecto educativo multidisciplinar e enriquecedor que fixo e fai deste Centro un referente e ao que todos e todas estamos orgullosos de pertencer”.

Edureferentes

Carmen Pomar e Sandra Sinde Xornada de Edurerentes no IES de Baio

Un bo exemplo do que fai o centro viviuse precisamente este pasado mércores. O alumnado de 4º ESO participou no programa EduReferentes, un proxecto educativo posto en marcha pola asociación Executivas de Galicia, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e que ten por obxectivo achegar ás aulas mulleres referentes galegas en diferentes sectores profesionais para que alumnas e alumnos teñan exemplos femininos a seguir, descubran novos ámbitos profesionais e de éxito e aprendan a identificar as súas habilidades e talentos. Divídese en charlas impartidas por dúas mulleres do directorio Referentes Galegas, obradoiros para dar a coñecer a importancia das habilidades brandas entre o alumnado e sesións de mentoría individualizada.

Este mércores estiveron Sandra Sinde, economista, emprendedora e innovadora; e Carmen Pomar, psicóloga, profesora universitaria e deputada no Parlamento de Galicia.
SInde explicou o seu proxecto profesional, centrado no desenvolvemento e implementación de experiencias innovadoras para transformar persoas, organizacións e territorios, destacando o proceso de xénese deste proxecto, xurdido despois de máis de 20 anos de experiencias profesionais noutros ámbitos e en máis de 10 países, que a conduciu ao seu ikigai, o punto no que se conxuga de maneira equilibrada a súa formación, as súas cualidades, os seus intereses e paixóns e as necesidades do contorno e das institucións.

Pola súa banda, Pomar, debullou as singularidades dos dous ámbitos nos que traballa e como as habilidades e cualidades persoais contribúen a desenvolver o proxecto persoal e vital dunha persoa. Ademais desenvolveu un obradoiro no que se explicitou o papel das soft skills no desenvolvemento dun proxecto profesional: a empatía, a resiliencia, a tolerancia á frustración, a actitude proactiva e positiva... que son fundamentais para a busca e o desenvolvemento profesional e igual de importantes, ou máis, que a formación e os coñecementos técnicos das persoas.

Máis novas do IES