Un incendio en Zas completou unha tráxica fin de semana na Costa da Morte

Artefactos incendiarios atopados nos incendios de Galicia

Aínda co susto do perigosísimo incendio en Boca do Río, e dos intentos de Ézaro, Mallou… esta madrugada de sábado a domingo a Xunta daba por Extinguido o incendio de Fisterra tras arrasar 134,1 ha dos montes de Duio e Sardiñeiro.

Tamén durante a madrugada do venres ao sábado algún desalmado prendeu lume nos montes de Muíño, en Zas. Os efectivos contraincendios (9 axentes, 10 brigadas, 7 motobombas e 2 pas.) ademais dos compañeiros de Protección Civil, traballaron durante toda a noite. Deron controlado o lume pero a Consellería de Medio Rural non o deu por extinguido ata esta mañá de domingo, pasadas ás 11:00h, despois de recoñecer que o lume afectou a 20,9 hectáreas (cómpre lembrar que a Xunta só informa dos incendios que afectan a máis de 20 ha).

Completouse así unha fin de semana dramática en toda Galicia, e tamén, como non na bisbarra.

Aparellos incendiarios

Unha vez que sabemos que no caso de Carnota si que pode haber unha investigación que dea co culpable, a Xunta informa de varios artefactos incendiarios localizados polos profesionais do Servizo de Prevención e Defensa de Incendios Forestais de Galicia (SPDCIF) nalgúns dos lumes rexistrados nos últimos días en Galicia.

Dada a dificultade de atopar aos responsables de todos os incendios, a Xunta apela á colaboración cidadá.

085

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.
Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Novas relacionadas

Máis novas sobre incendios

NOVAS SOBRE PREVENCIÓN