Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O Consorcio Provincial Contraincendios aproba a xestión directa dos parques de bombeiros comarcais

Consorcio Provincial Contraincendios
O Consorcio Provincial Contraincendios aproba a xestión directa dos parques de bombeiros comarcais

Ano e medio despois do seu anuncio, a Deputación da Coruña ratificou a proposta de xestionar directamente os parques de Bombeiros comarcais. Unha demanda que levan pedindo os profesionais durante anos, tras numerosas queixas da xestión das empresas concesionarias.

“Entendemos que os servizos públicos como a extinción de incendios deben prestarse dende o ámbito público de forma directa. É unha cuestión de principios pero tamén práctica”, afirmou o presidente da Deputación González Formoso, durante o pleno do Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña, entidade integrada ao 50% pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.

Con esta medida os dez parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña pasarán a ser xestionados de forma directa pola administración pública a partir de 2020. 10 parques comarcais de bombeiros (Carballo, Arteixo, Boiro, Arzúa, Ordes, Betanzos, As Pontes, Cee, Santa Comba e Ribeira) nos que hai 178 traballadores traballando nunha área de 562.305 habitantes da provincia da Coruña.

O portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros, Ángel Moldes, considerou que hoxe se deu “un paso importante” e avogou por “un sistema integral de emerxencias público en Galicia”. “Os cidadáns xa pagan este servizo cos seus impostos, non pode ser que dea beneficios para ninguén”, afirmou Moldes, que detallou que o persoal será subrogado de forma inicial nas mesmas condicións laborais que ten actualmente.

Novas relacionadas

Máis novas sobre incendios

Comentarios