Os Premios Fouciño 2025 abren o prazo de inscrición e comeza a rolda de obradoiros escolares
- Os Premios baieseso chegan á V edición con 1800€ en premios
Afianzados tralo rotundo éxito da pasada edición, despois de 6 anos de parada, os Premios Fouciño volven xa á carga. O primeiro festival de cinema da Costa da Morte, organizado pola Asociación Cultural Premios Fouciño e o Concello de Zas, encara con moita ilusión a súa V Edición, coa que quere fomentar o cinema independente e amador como medio de expresión, premiar a creatividade da mocidade dos centros escolares e incentivar o uso do galego no audiovisual e nas redes.
O certame celebrarase o sábado 25 de outubro en Baio (Zas). Os actos dese día céntranse na proxección das curtas participantes e a entrega de premios, que estará acompañada dunha serie de concertos de artistas emerxentes. Ademais, disto, durante os dous días previos haberá unha serie de actividades e proxeccións de obras relevantes do cinema galego independente, con especial atención ás novas xeracións de cineastas.
Aberto o concurso
A Asociación acaba de publicar as bases e o formulario de inscrición para a V Edición do seu concurso de curtametraxes, que permanecerá aberto ata o 30 de xuño. A inscrición pódese facer premendo nesta ligazón.
O certame ten dúas categorías. Unha aberta ao público en xeral, cun premio de 1.000€ para a mellor curtametraxe, e outra dirixida ao alumnado dos centros escolares galegos, cun premio de 500€ para o centro gañador. Como novidade, nesta edición o premio do público estará dividido en dous, cun premio de 150€ para cada categoría. A duración máxima de cada curtametraxe será de 10 minutos, a temática é libre e a lingua a empregar será o galego.
Obradoiros escolares
Para fomentar a participación dos centros escolares no certame, a organización dos Premios Fouciño xa comezou a dar obradoiros de cinema en centros de ensino da Costa da Morte. O primeiro celebrouse o pasado 21 de febreiro no IES Maximino Romero Lema de Baio, e axiña virán outros en centros de Carballo, A Laracha e Cabana de Bergantiños.
Os centros interesados nestas charlas poden contactar con nós no enderezo electrónico premiosfoucino@gmail.com para recibir máis información.