Récord de participación nos VI Premios Fouciño

A responsable do CEIP Vimianzo, gañadoras da categoría escolar do ano pasadp
  • Presentáronse 66 pezas audiovisuais, 45 na categoría Xeral e 21 na Escolar.
  • A proxección das finalistas será o 24 de outubro e a entrega de premios contará cun concerto de Laura LaMontagne

Os Premios Fouciño encaran a súa VI Edición consolidando a súa presenza entre o circuito de festivais galegos. Para demostralo, o certame baiés acaba de pechar as inscricións do seu concurso de curtametraxes cun récord de inscricións. Presentáronse 66 pezas, o que supón o máximo rexistro na historia do festival. Este ano, a categoría Xeral é a responsable principal do crecemento, con 45 curtametraxes inscritas. A categoría Escolar conta con 21 inscricións de 15 centros de ensino, cifra superior aos 13 do ano pasado.

Como xa é habitual, entre as participantes destaca a presenza de curtametraxes feitas en escolas e institutos da Costa da Morte, produto dos obradoiros de cinema que o equipo dos Premios Fouciño realizou ao longo deste ano para animar o alumnado a participar. 

O festival está organizado pola AC Premios Fouciño e conta co apoio do Concello de Zas e a Deputación da Coruña. A VI Edición terá lugar en Baio do 22 ao 24 de outubro de 2026. A proxección das curtas finalistas será o sábado 24 de outubro e a entrega de premios contará cun cunha serie de concertos de artistas emerxentes, encabezados pola lucense Laura LaMontagne. O resto da programación será anunciada a comezos de setembro, xunto coas curtametraxes finalistas do concurso. 

As persoas interesadas poden ir consultando a información nas redes sociais do proxecto (@premiosfoucino) ou na web https://premiosfoucino.concellodezas.org/ 
 

Máis novas