A participación escolar, máis protagonista no concurso de curtas dos V Premios Fouciño

Os Premios Fouciño continúan a medrar e asentarse logo do seu retorno en 2024. O festival baiés cumpre este ano V edicións e acaba de pechar as inscricións do seu concurso de curtametraxes. Presentáronse 34 pezas, 18 na categoría xeral e 16 na escolar. Aínda que en total isto supón un descenso con respecto ao ano pasado, o certame escolar recibiu filmes de 13 centros, un máis que na anterior Edición.
Como xa é habitual, entre as participantes destaca a presenza de curtametraxes feitas en escolas e institutos da Costa da Morte, produto dos obradoiros de cinema que o equipo dos Premios Fouciño realizou ao longo deste ano para animar o alumnado a participar.
A V Edición do festival terá lugar en Baio do 23 ao 25 de outubro. A proxección das curtas finalistas será o 25 de outubro e a entrega de premios contará cun concerto da cantautora Antía Muíño. O resto da programación será anunciada durante a primeira semana de agosto, na semana cultural do concello de Zas, que coorganiza o festival.
As persoas interesadas poden ir consultando a información nas redes sociais do proxecto (@premiosfoucino) ou na web https://premiosfoucino.concellodezas.org/