Os Premios Fouciño devolven o rural ao epicentro do audiovisual
Arrincou a V edición dos Premios Fouciños. Esa cita que convirte a Baio, e ao rural da Costa da Morte, nun epicentro do cinema audiovisual galego. Serán 4 días de proxeccións de curtas, pero tamén de charlas, de encontros… gracias ao esforzo dunha mocidade zaseira absolutamente entregada, e unha “grande implicación tanto da veciñanza e como do tecido comercial”, como agradecía na presentación o Alcalde de Zas, Manuel Muíño.
Foron, ademais do rexedor, Alejandro Gándara, un dos organizadores, e a madriña do festival, Carmen Méndez, as persoas encargadas en abrir o telón do cine do baixo do Edificio Plaza (ao carón de Pastelería Guindas). Ambos fixeron fincapé no difícil que é levar a cabo estas iniciativas no rural.
A continuación, Méndez presentou a súa curta “Pura”, unha historia real onde interactúa con súa nai e avoa nun entorno rural.

Ao remate houbo un coloquio dunha hora co numeroso público que non se quixo perder a cita, onde falaron do empoderamento da muller no rural, os coidados das persoas maiores, as relacións familiares, a narrativa audiovisual e a historia de como se fixo sendo Carmen a persoa que fixo todas as la labores de gravación e produción.
Programa para o venres e sábado, o día grande
O venres continuará a programación a partir das 20:00 horas cunha sesión de proxección de curtas entre as que estarán “Delincuente”, de Alba Domínguez e Nuria Vil; “O Coidado”, de Miguel Canalejo; “Abellón”, de Fon Cortizo; e “La Casa de la Abuela”, de Ashling Ocampo. A sesión rematará coa actuación de Sofi Peries e cun karaoke cinéfilo no que haberá xurado, premios e queimada.
Xa o sábado, teremos as seguintes actividades:
- 13:00 horas: Proxeccións de "Un peixe é un peixe é un peixe" de Marilar Aleixandre e Alberto Pombo e a curtametraxe do obradoiro infantil realizada durante o Punto Rojo. Sesión vermú con Ramón Carballo e DJ Tristón. Baixo do Edificio Praza.
- 18:00 horas: Concurso de curtas coa proxección das curtas finalistas e votacións. Participarán na Categoría Xeral Luján Monteiro e Alba López con A pena das troiteiras; Cristóbal Añón Blanco con Somnia; Mateo Bouzada con Santa Compaña, Iago Lourido con Solposto; Antía Carreira con Pupa; e Sandra Ramilo estreará internacionalmente no certame a súa última peza Maltrix.
Tamén se realizarán as votacións do concurso de escaparates. Baixo do Edificio Praza. - 22:00 horas: O fin de festa trasládase á Praza Jorge Mira onde se realizará a entrega de premios e a continuación haberá unha sesión de concertos con Antía Muíño, 9Louro, Ulex e Tonita.
Protagonismo escolar
Os centros de ensino serán protagonistas, e puideron ver unha marea das curtas participantes. Ademais, participan no concurso, na categoría escolar, as pezas e centros seleccionados son IES Valadares (Vigo) con Un can galego (Un chien galicien); o CEIP Plurilingüe San Vicenzo (Vimianzo) con Coas mans baleiras; o CPIP Cabo da Area (Laxe) con Redes; o IES Maximino Romero de Lema (Baio) con Párao, actúa!; o CEIP Plurilingüe da Espiñeira (Aldán) con Coas mans baleiras; e o IES Isidro Parga Pondal (Carballo) con A verdade que calamos.





