Os Premios Fouciño volveron facer de Baio a capital galega do talento audiovisual
- "Pupa” de Antía Carreira e “Coas mans baleiras” do CEIP San Vicenzo de Vimianzo gañan o concurso dos V Premios Fouciño
- Os premios do público foron para “Maltrix”, de Sandra Ramilo, na Categoría xeral, e para “A verdade que calamos” do IES Isidro Parga Pondal de Carballo na Categoría escolar.
Festa fantástica a vivida este pasado sáabdo en Baio coa entrega da V edición dos Premios Fouciño. Todo unha xornada festival que ademais de convertir a baio na capital galega do audiovisual, cunha acollida fantástica de todo tipo de público tanto para a entrega dos premios, como para a gran festa final.
Unha festa case convertida nun festival, que contou con Antía Muíño (volvía a casa esta baiesa xa referencia da música galega en todo o planeta), os composteláns Ulex, un showcase de Xian Pais precedendo a9Louro e Tonita, conformando un cartel que aposta polos novos talentos e a música en galego.
Os Premios
Despois de dous días de proxeccións e charlas, e trala valoración do xurado, tocaba decidir. E o xurado decidiu por maioría que o Premio da Categoría xeral tiña que ser para "Pupa", de Antía Carreira. “Pola súa mensaxe: unha reflexión sobre a identidade, os coidados e habitar corpos nunha sociedade hostil. Por unha sobrecolledora posta en escena, unha dirección de arte e fotografía espectaculares e unha banda sonora inspirador”, argumentou.
No tocante á Categoría Escolar, “pola utilización do cinema como recurso educativo para a creación dos espectadores, espectadoras e profesionais da creación do futuro. Tanto polo traballo colectivo do alumnado, como pola implicación absoluta do centro á hora de apostar pola educación audiovisual desde a base”, o premio do xurado recaeu no proxecto "Coas mans valeiras", do CEIP San Vicenzo de Vimianzo.
O público tamén emitiu o seu veredicto: o seu premio na Categoría xeral foi para Maltrix, unha peza de Sandra Ramilo que tivo a súa estrea mundial nos Premios Fouciño; e na Categoría escolar o centro escollido foi o IES Isidro Parga Pondal (Carballo) pola súa proposta "A verdade que calamos", unha curta dirixida por Borja Abelenda Varela e con montaxe de Clara Fonseca Añón, que foi gravada en Carballo, que conta cun elenco formado por Marta Vieites Lorenzo, Mateo Rodríguez Regueira, Irene Valentina Mejías Gesto, Nerea Ferreiro Parjol e Andrea Pensado Álvarez-
Alén disto, o premio do concurso de escaparates feito en colaboración cos comerciantes da zona a través de BaiON recaeu en “Calzados Paco home”, que poderá gozar dunha fin de semana no hotel literario Bela Fisterra; e o Premio honorífico, o fouciño de honra, foille entregado á anterior organización do certame.
Os demais galardóns consistiron nun trofeo e un premio económico de 1.000€ para a categoría xeral, 500€ para a escolar e un premio do público de 150€ para cada categoría.


