Zas quenta motores para a Carballeira cunha Semana Cultural chea de actividades

O Concello de Zas volverá converter a primeira semana de agosto nunha gran festa da cultura. Entre o 3 e o 7 de agosto, o municipio acollerá unha Semana Cultural con múltiples actividades para todos os públicos, unha programación que servirá de antesala á 41ª Festa da Carballeira, que se celebrará o 7 de agosto.

Durante cinco intensas xornadas, a veciñanza e as persoas visitantes poderán escoller entre unha ampla variedade de propostas que abranguen desde
obradoiros infantís e familiares ata actividades para persoas adultas, contacontos, concertos, cine ao aire libre, exposicións, encontros divulgativos, observación astronómica, artesanía, literatura, gastronomía ou humor. Un programa pensado para encher de actividade o municipio desde a mañá ata a
noite e para todos os gustos e idades.

A programación arrancará xa o 31 de xullo coa proxección de ‘As liñas discontinuas’, dentro do Ciclo Mestre Mateo, na Praza do Campo. Ademais,
durante toda a Semana Cultural permanecerán abertas no Centro Sociocultural de Zas tres exposicións: ‘Restauración de mobles e bordado’, realizada polo alumnado das aulas municipais; ‘Zas, na ollada dos Vidal’, dedicada ás paisaxes e ás xentes do municipio a través das fotografías de Plácido e José
María Vidal; e ‘Voluntarios, alma da Carballeira’, unha homenaxe ás persoas que fan posible a celebración da festa.

A estas propostas súmase tamén a intervención artística ‘Mural Festa da Carballeira’, que realizará o Colectivo Vella Escola na Escola Infantil A Galiña
Azul.

Ao longo da semana sucederanse obradoiros de percusión, cociña saudable, costura creativa, construción dun pandeiro tradicional ou decoupage;
contacontos para diferentes idades; actividades divulgativas sobre o mar e o consumo responsable; presentacións de libros; proxeccións do Ciclo Mestre
Mateo; concertos de Comando Curuxás e da Coral San Martiño de Cánduas; o monólogo de Leti da Taberna; o espectáculo musical de Caxoto e unha sesión de observación do ceo nocturno con telescopios.

A programación culminará o 7 de agosto co inicio da 41ª Festa da Carballeira, coa actuación de El Nido, Baiuca e David Pasquet.

A gran xornada festiva chegará o 8 de agosto, cun programa que se estenderá durante todo o día e que incluirá feira de artesanía, exhibición de talla con
motoserra, sesión vermú con mexilloada popular, actividades infantís, espectáculos familiares, a tradicional Gran Foliada e un cartel musical de primeiro nivel coas actuacións de Paco Nogueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, C'3 Orquestra Pantasma, Mago Teto, Alana, Radio Cos, Backwest, Fillas de Cassandra e Señora DJ.