xoves. 09.07.2026
El tiempo

A Carballeira de Zas volverá dedicar 1€ de cada entrada para axudar as familias que sofren Síndrome de Rett

Daniela a Princesa Rett de Ponteceso
Daniela Garrido é a cara visible da Princesa Rett de Ponteceso
A Carballeira de Zas volverá dedicar 1€ de cada entrada para axudar as familias que sofren Síndrome de Rett
A organización da Festa da Carballeira de Zas confirmou a renovación do seu acordo de colaboración coa Asociación Nacional para la Investigación del Síndrome de Rett (Mi Princesa Rett). Nesta 41ª edición do festival, que se celebrará os días 7 e 8 de agosto, destinarase un euro de cada entrada ou abono adquirido a través da canle de venda online a esta entidade sen ánimo de lucro. 
 
A Síndrome de Rett é unha enfermidade neurolóxica rara que afecta maioritariamente a nenas, provocando una grave discapacidade motriz e intelectual. A asociación “Mi Princesa Rett” traballa no apoio ás familias, na visibilización desta patoloxía e na recadación de fondos para o seu estudo clínico.
 
Os fondos obtidos a través da recadación solidaria do festival destinaranse a financiar os proxectos de investigación científica que se desenvolven no Hospital San Juan de Dios de Barcelona, o único centro de referencia en España para o estudo desta enfermidade. 
 
Así mesmo, as achegas axudarán a custear terapias de apoio que resultan fundamentais para a calidade de vida das nenas que non están cubertas pola sanidade pública, tales como a hipoterapia (terapia con cabalos), a terapia con golfiños ou as sesións de fisioterapia neurolóxica.
 
O director do festival, Diego Blanco, subliñou o valor de dar continuidade a esta colaboración: “Para nós a Carballeira é música, pero sobre todo é comunidade. Renovar o apoio a 'Mi Princesa Rett' permítenos ir máis alá da festa e implicar a todo o noso público nunha causa tan necesaria”.
 
Venda de entradas activa
 
Os abonos para asistir ao festival xa se poden adquirir a través da páxina web oficial do evento e nas súas redes sociais (Facebook, Instagram e X), onde xa se atopa dispoñible para a súa consulta toda a información relativa aos prezos e á programación completa por días desta nova edición.

Comentarios