mércores. 14.05.2025
El tiempo

Evento

Á EsCEEna

18/ago./2017 a 18/ago./2017
9:30 h a 6:00 h
Casa da Cultura
Camola Diaz Ramon Vigo e Victor Castineira Camola Díaz, Ramón Vigo e Víctor Castiñeira durante a presentación do Verán Cultural de Cee Programa A EsCEEna As bandas de música foron as encargadas de abrir o programa de Verán Cultural de Cee co VII Memorial Manuel Rebollar. Foi o pasado sábado 5 de agosto, e ata o 31 deste mes estival, haberá ducias de propostas, sempre marcadas polas Festas da Xunqueira. Pero este ano, o protagonismo é para Á EsCEEna, III Semana de Teatro e das Artes Escénicas do Concello de Cee, traendo actuacións de gran nivel. O programa teatreiro estará en marcha do 18 ao 24 de agosto. O programa estará composta por un cartel de verdadeiro luxo que todo amante do bo teatro saberá apreciar: “O Tolleito de Inishmaan” de Contraproduccións e dirixida por Cándido Pazó, “O Furancho” de Ibuprofeno Teatro, “Terapia de bar” de O Aturuxo de Melpómene, “Menú da noite” con Luis Davila e Carlos Blanco, “O caso é ter saúde” de Malasombra Produccións, a archipremiada “Eroski Paraíso” de Chévere e, como non podía ser doutra forma, “Foucellas” de Talía Teatro. En palabras do alcalde: “Un programa moi apetecible que xunta un gran elenco de actores e directores de primeira calidade”. Ramón Vigo tamén quixo felicitar polo bo traballo ao departamento de cultura resaltando que este é “o mellor programa dos últimos anos”. As entradas serán de 7€ en taquilla (5€ especial) ou 5€ (3€ especial) segundo a obra. Os abonos estarán disponibles por 30€ polas 7 funcións para o público xeral e 20€ para o especial (pensionistas, estudantes e desempregados). Venres 18

O TOLLEITO DE INISHMAAN de Martin McDonagh. Versión e dirección: Cándido Pazó. Con: Santi Romay, Ana Santos, Susana Dans, María Roja, Evaristo Calvo, Marcos Pereiro, Ricardo de Barreiro e Luis Iglesia.

Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia.

Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 7 € entrada xeral; 5 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .

Obra ganadora de 5 Premios María Casares de Teatro, consagrándose como o mellor espectáculo teatral do último ano: Mellor Iluminación (Afonso Castro), Mellor Adaptación/Traducción (Cándido Pazó, Santi Romay, Alberto Rodríguez), Mellor Actriz Secundaria (María Roja), Mellor Actor Secundario (Evaristo Calvo) e Mellor Actor Protagonista (Santi Romay).

Nesta obra de Contraproducións asistiremos ó que podería ser unha aldea galega pero en realidade é unha pequena illa irlandesa. Anos 30. Personaxes curiosas, pintorescas, características… Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo física e humanamente isolado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles un tolleito, un ser desfavorecido que ten unha arela que para el semella extremadamente difícil: transcender ese ámbito cerrado que está obrigado a habitar; un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro.

Sábado 19

O FURANCHO, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso. Con: Marián Bañobre e Isabel Risco.

Rede Cultural da Deputación.

Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 5 € entrada xeral; 3 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .

Sempre na vangarda do deseño e das últimas tendencias, Ibuprofeno Teatro preséntannos un espectáculo cheo de humor co fin de gozar dun espazo de comunión e complicidade no que o público acode a empaparse coa máis pura e sincera expresión da comedia hilarante.

Neste especial Furancho Spa resort vitinícola Rosalía de Castro ofrecemos tratamentos de beleza e saúde baseados na viñoterapia. O corpo humano é unha parra que se expande. Cada célula é unha uva que nos flúe por dentro. Nós cruzamos as sementes das cepas máis exquisitas para atopar a combinación perfecta que aporte relax e benestar. Todo sen química, nin sulfitos. Ecolóxico 100%.

Domingo 20

TERAPIA DE BAR, dirixido por José Prieto. Con: Juanín Ares, Xosé M. Felpeto, Chani Hernández, Maite da Costa, Chus Olivares e Ruth Fernández.

Rede Cultural da Deputación.

Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 5 € entrada xeral; 3 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .

O Aturuxo de Melpómene presenta esta unha comedia de terror, vicios e manías.

O bar “Da costa” non está na costa. É un bar perdido no medio do monte, lonxe de calquera sitio, onde rara vez para ninguén e cando o fai, non volve nunca máis .

A propietaria do bar e os seus dous únicos clientes habituais, movidos polo aburrimento e tamén polo seu desequilibrio psíquico, deciden converterse en salvadores da humanidade e elaboran un plan para eliminar do mundo os vicios que segundo eles son os culpables de todos os males do ser humano: o xogo (aínda que sexa a brisca), os avances tecnolóxicos (aínda que só sexa unha chamada polo móbil) e a ambición desmesurada polo diñeiro (aínda que o único síntoma sexa non deixar a propina axeitada.)

Cada cliente que teña a mala sorte de entrar no bar “Da costa” comprobará nas súas propias carnes as terribles terapias que lles aplicaran os “salvadores” para liberalos dos seus vicios,  aínda que con pequenos danos colaterais: a terapia tamén pode eliminar ó paciente.

Luns 21

FOUCELLAS. Autor e dirección: Cándido Pazó. Con: Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo.

Rede Cultural da Deputación.

Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 7 € entrada xeral; 5 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .

Obra ganadora do Premio María Casares á mellor escenografía (Dani Trillo).

Ano 1952. Un maquis, un guerrilleiro, un resistente. Un dos últimos homes do monte. Dos que a xente podía chamar, xenericamente, un ‘foucellas’. Mesmo podería ser o Foucellas. Ou non. Ou si. Quen sabe!

Firmeza, teimosía, dúbida, certeza, lealdade, inercia, utopía, inxenuidade, rebeldía, resignación, adaptabilidade, determinación... as armas dunha crúa batalla dialéctica nun tempo terminal.

Ficción, mito e realidade nunha proposta para pensar un momento histórico... o pulso metafórico sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza, a administración da derrota.

Martes 22

MENÚ DA NOITE. Con Luis Davila e Carlos Blanco.

Rede Cultural da Deputación.

Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 7 € entrada xeral; 5 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .

Luis Davila e Carlos Blanco deixan (momentáneamente) a falda escocesa e póñense esmoquin para sachar como é debido. E ata cociñan caldo en directo. Literalmente.

O debuxante de Bueu e o actor arousán combinan de novo enxeños e artes para atopar o cóctel perfecto. Desta vez viaxan a Broadway. Cos sachos, claro.

E bailan (?) claqué e todo. Animación incluida.

Un xoguete escénico, un traballo a dúo onde a comedia ten finalmente a cobertura visual que nunca tivo.

Con música de Budiño e Kepa Junquera. Risas aseguradas (e debuxadas).

Mércores 23

O CASO É  TER SAÚDE. Con Celia González, Xoque Carbajal, Jouse García, Patricia Rodríguez e Carlos Mosquera.

Rede Cultural da Deputación.

Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 5 € entrada xeral; 3 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .

A nova montaxe de Malasombra Producións chega a Cee nunha trama que xira en torno a Miki, un home que é abandonado pola súa parella vinte anos despois do comezo da súa relación o 22 de decembro, coincidindo co sorteo da lotería do Gordo de Nadal. Miki tén un décimo premiado, co que non sabe se sentirse eufórico por esta achega de diñeiro ou deprimido pola súa situación sentimental. Conforme avanza a trama, na vida do protagonista van aparecendo diversas persoas, e con elas situacións ridículas que servirán para que o público reflexione sobre a condición humana e, sobre todo, sobre a ambición en torno ao diñeiro.

Xoves 24

EROSKI PARAISO. De Chévere. Dramaturxia e dirección: Xron. Con: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Fidel Vázquez, Luís Martínez.

Rede Cultural da Deputación.

Taquilla aberta 45 minutos antes da función. Prezos: 7 € entrada xeral; 5 € entrada pensionistas, estudantes e desempregados debidamente acreditados .

Obra ganadora de 4 Premios María Casares: mellor espectáculo, mellor dirección para Xesús Ron, mellor actriz protagonista para Patricia de Lorenzo e mellor música orixinal para Terbutalina polo tema "Eroski Paraíso".

Xunto con O Tolleito, a gran triunfadora dos María Casares.

A primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro (2014).

Eroski Paraiso é unha comedia documental que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade da costa galega a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas El Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990, e que despois foi convertida nun supermercado Eroski. Planeada como a rodaxe dunha película documental, a obra retrata o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fora da súa casa, da súa paisaxe, da súa fala, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria. Porque o paraíso prometido polo Estado do Benestar en realidade ten a forma dun supermercado.

Comentarios