Pechado por vacacións
Uns estarán en pleno disfrute, para outros xa terán rematado e algúns inda teremos que esperar un tempo para disfrutalas. Por suposto estamos a falar das vacacións. As vacacións son o dereito de todo traballador a disfrutar dun descanso remunerado do seu traballo habitual. É tanta a súa importancia que veñen garantidas no artigo 40.2 da Constitución Española. Aínda así e a pesar de que chegan tódolos anos, moitas son as dúbidas que se xeran ó seu redor e que tentaremos resolver nesta entrega.
1.- Quen decide as vacacións:
Inda que moita xente pensa que son unha decisión exclusivamente empresarial ou que a elección das vacación se otorga por quincenas, decidiindo unha o traballador e outra o empresario o certo é que legalmente as vacacións decídense de común acordo entre empresario e traballador. O Estatuto non di moito máis ca isto, deixando a negociación colectiva a concreción deste procedmento. Moitos convenios colectivos regulan como se solicitan as vacacións e como se chega a súa concesión, polo tanto o primeiro que teríamos que facer é ver o que di o noso convenio.
2.- E se o convenio colectivo non di nada:
Neste caso habería que atender o que dispoña o contrato de traballo, que rara vez regula esta situación. En moitas empresas existe un calendario de vacacións que se forma atendendo as solicitudes dos traballadores e as necesidades organizativas da empresa e que é o documento que marca as vacacións da plantilla para esa anualidade; en caso de non ter calendario de vacacións decidiranse de acordo coas solicitudes individuas e, tendo en conta, tanto as preferencias do traballador como as necesidades organizativas da empresa para seguir funcionando.
3.- Pode a empresa negar os períodos de vacacións que solicita o traballador:
Como diciamos, as vacacións deben decidirse de mutuo acordo, polo tanto non hai que atender necesariamente a solicitude do traballador senón que a empresa, por motivos obxectivos, pode denegar esta solicitude.
4.- Pode facer algo o traballador ante esa denegación:
Sí, o traballador pode acudir ós tribunais se non está conforme coa denegación da empresa e obter as vacacións no período solicitado, ou de non ser posible, unha indemnización compensatoria. En ningún caso perdería os días de vacacións, inda que non puidese disfrutalos no período desexado.
5.- Poden substituirse as vacacións por unha compensación económica:
Rotundamente non. A única forma de compensar economicamente as vacacións é se remata a relación laboral. Neste caso, as vacacións sí se compensarán no finiquito do traballador.
6.- Se non se disfrutan no ano natural pérdese o dereito:
Tradicionalmente a resposta a esta pregunta era afirmativa. Se as vacacións non se disfrutaban na anualidade correspondente, perdíase o dereito ó seu disfrute. Se ben unha sentenza do TXUE de 22 de setembro de 2022 estableceu que o traballador debe ter a posibilidade de dsifrutar as vacacións que non pudo disfrutar na anualidade anterior e a empresa ten que facilitar ese disfrute. Se a empresa non ten un comportamento proactivo para que o traballador disfrute desas vacacións, non se perderían.
7.- Que duración teñen as vacacións:
Por Lei (de acordo co artigo 38 do Estatuto dos traballadores) as vacación non poderán ter unha duración inferior a 30 días naturais. Tanto no convenio colectivo coma no contrato individual pódese mellorar esta duración.
8.- Se traballo a tempo parcial a duración das vacacións pode ser inferior.
Non, inda que non se traballe a xornada completa, tense dereito ós 30 días de vacacións.
9.- E se comecei a traballador despois de principios de ano, tamén tería dereito a disfrutar de 30 días de vacacións.
Neste caso, a resposta sí sería negativa. O traballador tería dereito á parte proporcional deses 30 días, segundo o tempo traballado. Cada mes traballado xeraía 2,5 días naturais de vacacións.
10.- Con canta antelación teño que coñecer a data das miñas vacacións:
O traballador ten dereito coñecer a data das súas vacacións con polo menos dous meses de anticipación á data de disfrute.
- Fátima Insua Canosa. Avogada laboralista apaixonada do seu traballo que colabora con distintos despachos e organizacións sindicais galegas e que cre que o coñecemento dos dereitos e obrigas dentro da relación laboral é básico para facelos valer.
MÁIS ARTIGOS DE FÁTIMA INSUA CANOSA
-
O complemento de maternidade e a súa percepción polos homes. Principais cuestión
-
Reformulación das consecuencias da Incapacidade Permanente Total