Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Reformulación das consecuencias da Incapacidade Permanente Total

Reformulación das consecuencias da Incapacidade Permanente Total

Hai anos, cando comecei a miña andadura no mundo do dereito laboral o primeiro que me dixo unha compañeira foi que os laboralistas nunca nos aburrimos. A partir de aí escoiteillo a moitos outros, e a estás alturas pódovos asegurar que é totalmente certo.

Un dos grandes revolucionarios do mundo xurídico en xeral, e do laboral en particular é o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Precisamente dunha das súas últimas resolucións é do que veño a falar hoxe, a Sentencia de 18 de xaneiro de 2024 na que se da resposta a unha cuestión elevada por un Tribunal español: é acorde coa normativa comunitaria que a declaración dun traballador en situación de incapacidade permanente total para a súa profesión, supoña automaticamente a finalización da relación laboral coa empresa.

O Tribunal Europeo dá unha resposta negativa a esta cuestión e di que o empresario, con carácter previo ten a obriga de realizar os axustes razoables para permitir que o traballador continúe na empresa ou demostrar que tales axustes non son posibles ou constitúen unha carga excesiva para a empresa. Noutras palabras non se pode extinguir automaticamente a relación laboral, como ven sendo habitual en España por unha declaración de Incapacidade Permanente Total, se non que a empresa debe buscar unha alternativa para recolocar o traballador noutro posto de traballo compatible coas limitacións das súas doenzas e só cando isto sexa imposible pode proceder a finalizar a relación laboral. Esta posibilidade anteriormente só existía no caso de que o prevese o convenio colectivo.

Queda bastante para saber cales serán as consecuencias finais deste pronunciamento, e a  súa aplicación terá que estudiarse caso por caso, pero xa se ditou a primeira sentenza dun Xulgado do Social que a aplica e que obriga á empresa a readmitir a un traballador en situación de Incapacidade Permanente Total, salvo que a empresa acredite que supón unha carga excesiva.

  • Fátima Insua Canosa. Avogada laboralista apaixonada do seu traballo que colabora con distintos despachos e organizacións sindicais galegas e que cre que o coñecemento dos dereitos e obrigas dentro da relación laboral é básico para facelos valer.

Comentarios