Coas cousas de morrer non se xoga
12:47 20/11/10
Amanita phalloides
O pasado 5 de novembro produciuse unha intoxicación por Amanita phalloides en Cee, en realidade unha intoxicación mixta de Amanita phalloides e Inocybe maculata, máis perigosa se cabe porque despista moito máis o persoal sanitario. A persoa que as inxire ingresa no hospital Comarcal Virxe dá Xunqueira ao día seguinte, 14 horas despois da inxestión dos cogomelos. Os familiares do paciente acoden aos expertos da Asociación Pan de Raposo cos restos dos cogomelos non consumidos e comeza o baile de sustos, identificacións e exame de campo das especies que foran cortadas no lugar de recolección. Polo tipo de intoxicación con síntomas de longa duración e polos cogomelos encontrados no lugar, non había ningunha dúbida de que nos encontrabamos ante un caso de intoxicación moi grave.
Grazas á colaboración de Pan de Raposo e á rápida intervención do equipo médico, con reposición hidroelectrolítica, administración de penicilina, lavado gástrico con carbón activado, sonda duodenal aspersiva, plasmaférese e hemodiálise, hoxe podemos comentalo coa satisfacción da alta médica sen secuelas aparentes. O motivo da recolección é moi simple: os cogomelos son un manxar para o padal. E eu pregúntome unha vez máis, ¿Que estraño mecanismo mental nos conduce ao risco de morte ou intoxicación grave a cambio dun bocado máis ou menos saboroso?, ¿Paga a pena poñer en risco a túa vida e a dos teus familiares e amigos por nada?. A razón obríganos a contestar a estas preguntas cun NON rotundo, pero a experiencia demóstranos que, no caso dos cogomelos, a razón non funciona coa lóxica necesaria.
Estas palabras non están dirixidas ao intoxicado recente, van máis alá, van dirixidas a unha gran cantidade de ¿afeccionados? que a están xogando, día tras día, ao consumir cogomelos sen os mínimos coñecementos necesarios para poder facelo. Cantos consumidores de cogomelos se quedan mudos cando lles preguntas as características do cogomelo que está a consumir, en moitos casos só saben dicir a cor e a forma que teñen e, por suposto non coñecen os cogomelos tóxicos cos que pode confundirse, iso é para expertos, a eles só interésanlles os que se comen. Ante esta actitude, un aficcionado de verdade só ten un pensamento e unha palabra que o define, IRRESPONSABLE.
Espero que este feito nos faga recapacitar e empecemos a consumir os cogomelos con prudencia, sempre cos coñecementos necesarios para determinar con exactitude a especie e por suposto sen ningún tipo de dúbidas, pois coñecemos perfectamente os cogomelos tóxicos cos que podemos confundila. No caso contrario, hai unhas bandexas de cogomelos cultivados que nos poden producir o mesmo pracer gastronómico.
A gozar sen arriscar.
- José Manuel Castro Marcote (jmcmarcote[arroba]quepasanacosta.gal).
Nocións micolóxicas con José Manuel Castro Marcote
- Clauthrus Archeri, un cogomelo curioso.
- Macrolepiotas.
- Fungos insecticidas.
- Fungos e cogumelos.
- Intoxicación con cogomelos.
Novas relacionadas
- Meigalicia sae na procura do cogumelo pola Costa da Morte.
- As Xornadas Micolóxicas sementan unha tradición na Costa da Morte.
Máis novas
- "Guía de cogomelos dunares do litoral atlántico galego", o novo libro de José Manuel Castro Marcote.
- Xa está a venda a terceira edición de "Cogomelos de Galicia".
Fonte
- Redacción de QPC ( [email protected]Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver ).