Venres. 19.04.2024
El tiempo

As cartas do Avó Pascasio: Dúas ducias de ñoquis macristas

As cartas do Avó Pascasio: Dúas ducias de ñoquis macristas
Moi querida neta Cristina: Por desgraza, teño que seguir informándoche dos tristes acontecementos no Centro Galego de Bos Aires. Os avós sufrimos ao ver que nos están roubando o esforzo de máis dun século de suor emigrante na capital arxentina. O Centro Galego é moito máis que un bo hospital e un activo centro cultural e un digno panteón social. É a expresión visible do triunfo duns emigrantes comprometidos coa terra que os recibe. Os galegos edificamos para que os nosos herdeiros tivesen un espazo propio onde o candil da identidade recordase á nosa inmortal Rosalía de Castro. Queremos facerlle chegar unha carta ao interventor Moyano para intentar que reflexione sobre o seu negativo proceder no Centro Galego. Adiántoche o contido da carta que acabamos de redactar entre todos os membros da Asemblea Celestial da Emigración Riopratense. É unánime o sentimento de impotencia, ao estar lonxe da esquina de Belgrano e Pasco, pouco podemos facer. Depositamos a nosa confianza no pequeno grupo de socios con corazón que está destapando as matufias dun interventor ao servizo de escuros macristas que buscan o lucro persoal.  

Sr. Moyano Barro Interventor Xudicial no Centro Galego de Bos Aires

Da nosa consideración:

Dirixímonos a vostede para expresarlle a nosa maior repulsa e indignación fronte á malintencionada xestión que está desenvolvendo á fronte do equipo de intervención no Centro Galego. É público e notorio que a institución empeorou desde que vostede asumiu. Recordámoslle que falou de que contaba cun "plan de urxencia" para "estabilizar o funcionamento". Un discurso baleiro que non inclúe o saneamiento das contas sociais ou o mantemento dun correcto servizo de asistencia médica. Quizais o que pretende é regalar o que non é seu. Aínda que carecemos de experiencia en administración hospitalaria, podémoslle expresar a nosa perplexidade ao ver que contratou a 26 empregados para non desempeñar ningunha función. Ningún deles é médico. É curioso que tendo exceso de persoal administrativo necesite incorporar novos traballadores. Bueno, perdón, dixemos "traballadores" pero o que vostede contratou foron uns ñoquis ben pagos. Coméntase que algúns dos soldos son de 50.000 pesos. Entenderá que esteamos bastante calentitos. A experiencia de vida indícanos que está enchastrando ben de ben o seu currículo. Sendo aínda novo, por favor, non afunda o seu futuro cun enganche coimero a un partido político que está destruíndo a convivencia en harmonía na nosa querida Arxentina. O actual goberno ten pouco percorrido. Non é posible manterse sobre as ruínas da maioría da poboación. O engano -dio a historia- sempre consegue obxectivos transitorios. A venda nos ollos cáese cando recoñeces que erraches feo ao votar a un empresario malandra. Quere ser parte dun afane? Sabemos que vén cumprir cun encargo envelenado. Envíano a pechar portas e fiestras. Trátase de deteriorar, desde dentro, os servizos hospitalarios e asistenciales. Ao final, si logra o obxectivo, recibirá unhas chauchitas. O tocho de guita que poñerá a empresa privada "Macri Care" non pasará polas súas mans. Estámoslle avisando. Non se contaxie dun goberno que non repetirá. Os morfadores de globos están peor e non volverán caer no erro de votar en contra do seu peto. A dieta macricida deixounos na lona. É moi posible que logo de Macri se revisen unha gran cantidade de actos delituosos, ilegais e irregulares dun período que proporcionou diñeiro mal habido ao grupo de goberno e aos seus amigos testaferros. Iniciaranse actuacións xudiciais --previa desratización nalgúns xulgados-- que terminarán en sentenzas condenatorias para os baleiradores das arcas públicas. É probable que vostede sexa uns dos denunciados por administración fraudulenta na súa xestión interventora no Centro Galego. O fiscal admitirá a trámite a denuncia. Na indagatoria terá que defenderse. Deberá de xustificar a razón de armar unhas eleccións cunha lista na que se presentaron varios candidatos truchos, é dicir, que non eran socios do Centro Galego. O fiscal quererá saber que interese tiña en manipular o proceso electoral. Implicouse e incumpliu o deber de imparcialidade inherente ao seu cargo. O fiscal preguntará polas funcións que desempeñaron as dúas ducias de ñoquis que contratou ao mesmo tempo que escaseaban os fondos do INAES e pagábanse con atraso aos funcionarios da institución. Por favor, Sr. Moyano, fáganos caso: presente a dimisión. O máis intelixente é borrarse. Así poderá evitar que lle pase o mesmo que á contadora María Cecilia. Falámoslle da xerente, funcionaria do INAES, da "Cooperativa de Electricidade, Consumo, Obras e Servizos Públicos e Sociais de Quilino Ltda" que din meteu a man na lata para levarse uns lindos 30 millóns de pesos. Acaba de suceder e as semellanzas están á vista de todos co agravante de que o Centro Galego move moitos máis millóns de pesos e posúe un valioso patrimonio inmobiliario. Sen máis, reciba o saúdo do Grupo Celestial Galego de emigrantes rioplatenses.

  Despídome. Non quero perderme a trasmisión en directo da función especial da obra “O amante dos cabalos” desde Vila Crespo. A protagonista, Ana Scannapieco, é unha actriz que nos emocionou en todas as obras teatrais nas que a vimos. Din que está magnífica. O director, Lisandro Penelas, é un neto que apreciamos moito pola súa alta categoría humana e profesional. Recibe o agarimo do avó que naceu no medio do fermoso monte fonsagradino. -Pascasio Fernández Gómez
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios