Luns. 06.04.2020
El tiempo
Manuel Suárez Suárez
12:19
11/04/17

As Cartas do Avó Pascasio: O hospital dos emigrantes galegos en Bos Aires

As Cartas do Avó Pascasio: O hospital dos emigrantes galegos en Bos Aires
Moi querida neta Cristina: Teño que insistir sobre os tristes acontecementos no noso querido hospital do Centro Galego de Bos Aires. Fáloche do "hospital" porque é onde poden facer negocio os macristas afanancios que gobernan a miña amada segunda patria. É certo que están aí porque os votaron pero non me cabe na cabeza que haxa tantos racistas dentro da clase merda arxentina. Explícome. Pódeche non gustar o doce de leite ou as mazás dos fermosos vales de Río Negro ou o rico cheiro do asado de tira na parrilla pero o que non podes facer é sacarlle da boca a outros unha mazá. Estou moi decepcionado ao ver noticias que me desbastan malia que levo bastante tempo en estado espiritual. Non recoñezo ao grupo de cidadáns que desprezan aos seus veciños ao velos comendo un choripán pola vereda. Acá arriba estivémoslle dando voltas ao ataque macrista no Centro Galego. Considerámonos afectados directos pola mala cabeza de moitos dos nosos descendientes. Votaron ao verdugo. Votaron para perder a súa asistencia médica mutualista. Votaron a un "presidente vago e ladrón" que encheu o Centro Galego de ñoquis e de matóns maleducados. Que foi o que pasou? Créronse uns vivos bárbaros e lle erraron feo ao repetir babosadas en contra de cidadáns que elevaran o seu nivel de vida. É unha vella táctica de captación de votos a de distraer a atención do importante. Os nosos descendientes non se protexeron do veneno inoculado polos delincuentes do grupo mediático "Clarín Nacional". Contaxiáronse e entregáronlle, gratis, a suor dos avós a un clan porteño-calabrés que vive da estafa desde os tempos de Antonio Macrì (escríbese así o apelido que é bastante común na Regione Calabria). As consecuencias de votar contra outros, están ben á vista no Centro Galego. Os propios galegos optaron por quedar sen mutualista ao elixir a don Mauricio que segue ao pé da letra o "Manual do Neoliberal Trucho". Lévalla toda o 1% da poboación e a vos, alegregilboludo, déixache as débedas. Cóntoche, Cristina, que o interventor Moyano foi a buscar a un experto en baleirar de hospitais públicos a España. Bueno, aclaro, é peor a cousa xa que o gran especialista esnaquizou o Centro Galego nos tempos da crise do 2002-2003. Foi o que dilapidou as grandes axudas que enviou a Xunta de Galicia para unha situación de urxencia. É Burgueño de Mora de Toledo o indicado para resolver o actual problema? Os avós, coñecedores tamén da súa negativa xestión en Madrid, cremos que é a peor persoa posible para darlle vea neste enterro. Entendemos que precisamente por ser o peor, é polo que foi contratado (ao estar xubilado é evidente que cobrará en negro) por Moyano. Descoñécese si é unha empresa local ou unha española ou unha sociedade mixta a que segundo o interventor Moyano faríase cargo dos servizos médicos mediante unha concesión. O interventor caracterízase por non informar ou contar a medias. É o encargado do traballo sucio. Ten que mentir porque a cumpre ordes. É escandaloso que meta a varios de ñoquis e a uns cantos matones baratos que se moven na zona de atención social. Non podes protestar nin queixarche: fas cola coa boca calada. Está todo ben como no resto do país. O obxectivo do indecente macrismo é liquidar o hospital dos emigrantes galegos para que en nova vida sexa unha clínica privada manexada por unha empresa coimera de lerchas. Hai que lamentar que desde dentro recibiu o apoio duns poucos traidores que esperan ser ben retribuidos. Coméntase que una tal Miguelita anda desesperada por aparecer como coordinadora, directora ou o que sexa no Hospital Afanado aos socios do Centro Galego. Despídome. Teño que achegarme ao Cine Celestial para non perderme a trasmisión en directo da representación de "A pel de Elisa" no Espazo Calello do barrio de Almagro. A dramaturga canadiense Carole Fréchette métenos na pel dunha rapariga (Dana Basso) que sofre unha enfermidade que a paraliza. Un raparigo (Lisandro Penelas) recéitalle un tratamento especial que lle axuda a superar o seu mal. Si tes uns minutos recoméndoche leas a nota titulada "Quédanos a palabra" publicada en "Galicia Digital" e en "Xornal de Betanzos" polo corresponsal porteño Xoaquín Montes. Recibe o agarimo do vello emigrante da inesquecible parroquia fonsagradina de San Pedro de Neiro.
  • PASCASIO FERNÁNDEZ GÓMEZ
 
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

comentarios