Xoves. 18.04.2019
El tiempo

Como eran os apelidos da Costa da Morte no séc. XVII? Unha aproximación ós da parroquia de Berdoias

Como eran os apelidos da Costa da Morte no séc. XVII? Unha aproximación ós da parroquia de Berdoias
Casa dos Lema fidalgos de Berdoias 1607-foto Xose M Lema Casa dos Lema, fidalgos de Berdoias (1607)-Foto Xose Mª Lema

Hai máis dunha década publicara un libro sobre os nomes masculinos dos últimos 400 anos da parroquia de Berdoias (Vimianzo) en base ás partidas de bautismo conservadas no arquivo parroquial desta freguesía. O seu título: “Onomástica histórica dunha parroquia galega: Berdoias (1607-2000)”; AGOn/ILG, 2006 (pódese consultar na Rede). Fora un estudo único, pois que un saiba, non se repetiu en ningunha parroquia galega.

En outubro de 2016 convidáronme a falar nun Simposio na Facultade de Filoloxía da USC dos primeiros apelidos desta parroquia, os do séc. XVII, resultado dunha minuciosa análise das partidas bautismais contidas no Libro 1º de Bautizados (1607-1746). O texto desta comunicación ou conferencia é o que agora publica o Consello da Cultura Galega en forma de libro co título Antroponimia e lexicografía (Ana I. Boullón editora), xunto con outras comunicacións do profesor alemán Dieter Kremer (Universidade de Trier), da italiana Alda Rossebastiano, do estadounidense Patrick Hanks, da madrileña Consuelo García Gallarín, e dos galegos/as Ana Isabel Boullón, Luz Méndez, Valentina Formoso, Ana Iglesias e Gonzalo Navaza.

65 apelidos distintos

Neste período analizado (de 1607 a 1700) rexistrei en Berdoias un total de 65 apelidos diferentes que levaron 619 portadores/as sumando pais, nais, fillos e fillas. Naquela época (e ata 1830-1840), nas partidas de bautismo os fillos herdaban o apelido dos pais e as fillas o das nais; isto non se cumpría entre os fidalgos -Lema e Leis en Berdoias-, pois estes podían escoller (ás veces chegaban a escoller o máis lustroso dalgún avó).

Por diversas circunstancias (o mal estado do libro, a preguiza dalgúns párrocos...) só se anotaron as partidas de 65 anos, pois non se rexistraron asentamentos desde o ano 1618 ó 1628 e desde o de 1673 ó 1693.

Os apelidos máis frecuentes

Na clave da bóveda da capela maior da igrexa de Berdoias está gravado o nome de Alonso de Lema, o fidalgo da parroquia (foto X. Mª Lema) Na clave da bóveda da capela maior da igrexa de Berdoias está gravado o nome de Alonso de Lema, o fidalgo da parroquia (foto X. Mª Lema)

Deste xeito, no cómputo xeral de apelidos por orde de frecuencia, estes son os que ocupan os dez primeiros postos: Lema (64 portadores), Rodríguez (59), Leis (44), Paz / Pais (40), Pérez (35), Vázquez (24), Canosa e Dos Santos (22), Anos e Castiñeira (18), Sánchez (15) e Alborés, Caamaño, Castro, González e Martiz / Martínez (13).

Os portadores dos oito primeiros apelidos, en total 310, supoñen o 50 % do total (que son 619); unha considerable desproporción, pois eses oito primeiros suman tantos posuidores coma os outros 57 apelidos.

Os apelidos patronímicos (aqueles formados a partir do nome do pai + o sufixo -ez) soamente foron 15 (o 23 % dos 65 totais), sendo os máis repetidos: Rodríguez, Paz ou Pais (é o mesmo apelido con dúas variantes), Pérez, Vázquez, Sánchez, Martiz (forma galega orixinal) e Martínez (forma castelanizada), González, Domínguez e Afonso / Alonso (forma galega / forma castelanizada).

Os apelidos de orixe toponímica (orixinados a partir dun nome de lugar) son os máis abundantes: 43 (o 66 % dos totais). Os máis repetidos son, por esta orde: Lema, Leis, Canosa, Anos, Castiñeira, Castro, Caamaño, Alborés, Gesto / Xesto -aparece nas dúas formas-, Romar, Seoane, Lavandeira e Monterroso.

Cómpre engadir que todos os apelidos de orixe toponímica ían daquela precedidos da preposición <de> (“Afonso de Lema”, “Rodrigo de Leis”, “María de Canosa”...), e incluso das contraccións galegas <do>, <da>, <dos> e <das>, coma no caso de “Catarina do Xesto” ou “Antonio da Bouza”). Ata a década de 1830 non se eliminarán as preposicións entre nome e apelido.

A maior parte dos topónimos orixinarios dos apelidos dos veciños de Berdoias desta centuria localízanse nun radio de menos de 25-30 km na maior parte das veces; cousa lóxica, dada a dificultade das comunicacións. Cumpríase o dito popular de “o que lonxe vai casar, chata leva ou vai buscar”. Os que si buscaban parella fóra dos lindes parroquiais e mesmo comarcais eran os fidalgos, que arranxaban matrimonios cos da súa clase social: “casar e compadrar, cadaquén co seu igual”.

O apelido Romar, orixinario desta parroquia

Algúns destes apelidos toponímicos desapareceron por completo -coma Anos ou Baíñas-, pero a maior parte chegaron ós nosos días (outros, ademais dos xa citados: Mouzo, Pardiñas, Toxa, Sendón, Alvarellos, Alvite, Antelo, Carnés etc). De entre todos, Berdoias conta cun únicum, o apelido Romar, que por forza tivo que ter a súa orixe remota nesta aldea berdoiesa, pois non existe outro lugar con este nome en toda Galicia. Hoxe levan este apelido en Galicia 718 persoas, que viven en 18 concellos galegos, na súa maior parte do ámbito da Costa da Morte (na Rede: https://ilg.usc.es/cag/Controlador?busca=ROMAR).

As partidas están redactadas en castelán, dado que o galego fora arredado da documentación oficial a finais do séc. XV ou principios do XVI. Tamén se aprecia nas partidas un progresivo proceso de castelanización dalgúns apelidos, coma Martiz (substituído por Martínez) ou Afonso (por Alonso). Algúns manterán a forma galega ata os nosos días (Vázquez, Sambade ou Vilariño).

Como no séc. XVII a ortografía do castelán non estaba fixada, hai moitas dúbidas entre ‘bes’ e ‘uves’ (Bermúdez e Vermúdez), <i> e <y> (Graiño e Grayño), un ‘ese’ ou dous (Canosa e Canossa), <ç> e <z> (Bouça e Bouza; Gonçales e Gonzales) etc. Isto dá lugar a que dunha partida a outra hai vacilacións e pode aparecer o mesmo apelido escrito de formas distintas.

 

Novas relacionadas

Artigos de Lema Suárez en QPC

https://quepasanacosta.gal/perfecto-lopez-empresario-e-mecenas-galeguista-na-emigracion-americana/

Novas sobre Lema Suárez

“Lema Suárez, Premio Sanmartiño por Toda Unha Vida adicada á Normalización” — Que pasa na costa

comentarios