Martes. 23.04.2024
El tiempo
Xurxo Borrazás
11:32
21/06/20

O cheque-máscara

O cheque-máscara

Esta Xunta de Galiza, afeccionada á caza mesmo en pleno estado de alarma, ou quizais por iso, vén de poñer en marcha unha batida para matar tres paxaros dun tiro. Coa roupa de camuflaxe, a canana chea, saltando a veda da pre-campaña e co corno anunciante da prensa amiga, lanza un bono solidario de 250 euros para que o persoal sanitario os gaste en turismo e hostalería. A falta dun premio Princesa de Asturias, bos son eses euriños para tentar aplacar a ira de médicas, enfermeiras ou celadores indignados polo abandono ao que o propio Sergas os someteu durante a pandemia, un cheque-máscara para taparlles a boca.

O segundo paxaro é beneficiar a Abanca, a mesma cuxo espolio Feijóo bendicíu e que entre otras cousas posuía residencias de anciáns agora privatizadas nas que morreron abandonados os nosos anciáns. O banco venezolano xestionará os bonos mediante unha tarxeta moedeiro. Os grandes beneficiarios serán os bos amigos da industria hoteleira e a restauración, comezando por HOTUSA, os mesmos que acubillan os empregos cos salarios e condicións máis miserentas do mundo laboral.

O terceiro paxaro é o lavado de cara diante da opinión pública previo ás eleccións autonómicas, coincidíu así. Os cartos que non había para mercar equipos de protección ou equipar UCIs, como non os había para manter aberto o paritorio de Verín, para dar servizo de pediatría ou unha asistencia primaria decente en todo o territorio, para ofrecer contratos  dignos ou deixar de pechar cuartos e plantas enteiras cada verán, para atender os servizos de urxencias en cada vaga de gripe… hainos agora para un aplauso de cacique  en forma de cheque-aguinaldo. 

Ollo, coñecendo o percal, non sería de estrañar que, como noutras ofertas similares da Xunta do PP, para o aluguer, a pobreza enerxética, os autónomos, etc, a letra pequena faga que nin siquera esa esmola chantaxista se sustancie. Tras ler os requisitos para acceder a ese cheque igual resulta que anuncian unha e contan vinte. A ver se a partir do día 13 o ímos sabendo.

  • Xurxo Borrazás, escritor carballés

Outros artigos de Xurxo Borrazás

 

                                                                                       

Comentarios