Domingo. 19.05.2024
El tiempo

As mulleres do PIMDRural de Íntegro visitaron unha empresa de reciclaxe téxtil

Visita de Integro PIDM RUral a COLEO 2
As mulleres do PIMDRural de Íntegro visitaron unha empresa de reciclaxe téxtil

Interesante visita a que realizaron esta pasada semana un grupo de mulleres do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional do Rural (PIMD Rural), que promove a asociación Íntegro.

Acompañadas dun grupo de usuarios do centro ocupacional cabanés, visitaron as instalación da empresa Coleo Recycling, pioneira na reciclaxe de téxtil a través dun proceso completamente circular no que as prendas recicladas convértense en teas ou fíos coas que se confeccionan outras pezas e se reduce o gran volume deste tipo de residuo. Así mesmo, esta compañía tamén está comprometida coa diversidade, xa que o 90% dos seus traballadores son persoas cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%.

Integro na empresa Coleo
Usuarios de Íntegro en Coleo

68 mulleres atentidas

Durante o período 2022-2023, o PIMD Rural prestou atención a 68 mulleres da nosa contorna, a maioría delas con algún tipo de discapacidade. Unha psicóloga, unha educadora social e unha traballadora social son as encargadas de prestar unha ampla variedade de servizos para atender as demandas de todas as usuarias. Ademais de ofrecer información, orientación e asesoramento en cuestións relativas á discapacidade e á dependencia, o apoio na busca activa de emprego e orientación laboral, encamiñada á adquisición de habilidades persoais e sociais, e os acompañamentos na prospección laboral das participantes a través de visitas a diferentes empresas, figura entre as prestacións máis solicitadas.

A atención psicolóxica ou o de mediación tamén figura entre as prestacións máis demandadas xunto co acompañamento na xestión de calquera tipo de trámite ou o apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos para facilitar ás persoas usuarias a súa integración social. No caso de mulleres con mobilidade reducida, a entidade conta cun transporte adaptado para facilitar os seus desprazamentos. De feito, un dos máis demandados foi a visita a centros sanitarios e outras administracións públicas ou en entidades bancarias para a realización de trámites básicos.

Inscríbete

Se es muller con ou sen discapacidade, resides no rural e queres recibir formación ou precisas apoio e/ou asesoramento, non dubides en poñerte en contacto con Íntegro chamando ao 981 734 985 ou enviando un mail a [email protected]. As persoas interesadas tamén poden acudir ao noso centro de Nantón (Cabana de Bergantiños) sen necesidade de cita previa. 

Comentarios