18 participantes aceleran a súa inclusión no programa A Laracha Acolle
Dirixido á poboación inmigrante do termo municipal, e prioritariamente ao
colectivo das mulleres.
A NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA “A LARACHA ACOLLE” XA
ESTÁ EN MARCHA CON 18 PARTICIPANTES
Vale ouro ter un apoio cando chegas a unha sociedade. E por iso, nos parece tan valioso o programa "A Laracha acolle", que conta con dúas liñas de actuación son o taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e o espazo de participación cultural Exprésa-T.
Veñen de comezar unha nova edición 19 persoas migrantes empadroadas no termo municipal -prioritariamente, ao colectivo das mulleres- e ten por finalidade a súa inclusión social e cultural. Chegan de lugares como Marrocos, Paquistán, Brasil, Colombia, Ucraína e Venezuela.
Do mesmo xeito nas anteriores edicións deste programa, A Laracha acolle componse de dúas liñas de acción complementarias. Por unha banda o Taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e, pola outra, a creación do espazo de expresión e participación cultural Exprésa-T, dirixido ao coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida, intercambio e socialización, así como ao tratamento de temas transversais de xénero e coeducación.
O taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia ten por propósito a adquisición de habilidades lingüísticas que lles permita ás persoas inmigrantes desenvolverse de forma autónoma nas diferentes situacións da vida diaria. As clases levaranse a cabo seguindo unha metodoloxía alternativa de ensinanza aprendizaxe e con perspectiva de xénero, traballando contidos e linguaxe non sexista, así como poñendo en valor o papel das mulleres na sociedade.
O espazo de socialización e expresión cultural Exprésa-T, reforzando a acción anterior, céntrase na creación dun espazo coeducativo de participación e convivencia que permita poñer en práctica os contidos asimilados a nivel lingüístico e no que, a través do coñecemento e intercambio mutuo das distintas culturas e a presente no municipio, se desenvolvan relacións sociais e persoais igualitarias que contribúan á construción dunha verdadeira sociedade intercultural.
As persoas interesadas en participar no programa A Laracha acolle aínda poden anotarse contactando co departamento de Servizos Sociais no Edificio Administrativo da Laracha.