A Laracha abre o prazo do programa de voluntariado xuvenil

O Concello da Laacha abre o luns o prazo de inscrición para que mozos de entre 16 e 30 anos de idade empadroados no termo municipal da Laracha poidan solicitar a súa participación no programa de voluntariado xuvenil que se porá en marcha no municipio co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.
Este programa ofrece a posibilidade de participar como persoal de apoio aos técnicos especializados nas diferentes actividades municipais de tipo cultural, social, educativo, deportivo, xuvenil, medioambiental e de promoción do benestar das persoas maiores e da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres que se levarán a cabo nos próximos meses.
Os voluntarios recibirán a orientación, a formación e o apoio necesarios para o exercicio da súa actividade. Ao rematar a participación entregaráselles un certificado oficial que acreditará a súa colaboración e recoñecerá o seu valor social. Durante o desenvolvemento das xornadas tamén percibirán unha compensación económica diaria que cubrirá os gastos de manutención e transporte
O propósito final deste programa é fortalecer a aprendizaxe dos voluntarios e reforzar os seus valores solidarios. As persoas interesadas deben anotarse entre o luns e o 23 de marzo na Oficina Municipal de Información Xuvenil (Casa do Concello). Hai oito prazas dispoñibles que serán outorgadas por orde de inscrición.