martes. 28.07.2026
El tiempo

A ANPA Balea do CEIP de Caión alerta da intención da Consellería de agrupar aulas mesmo de distintos ciclos

CEIP de Caion
A ANPA Balea do CEIP de Caión alerta da intención da Consellería de agrupar aulas mesmo de distintos ciclos

Non hai verán tranquilo no ensino público do rural. Desta volta a ANPA Balea e do CEIP de Caión vén de alertar sobre a planificación da Consellería en materia de agrupación de aulas. Unha situación que pode supoñer graves cambios no centro larachés, como tamén denuncia o profesorado, pero que ademais pode ser un exemplo do que está a pasar noutros centros rurais.

Concretamente en Caión a Xunta quere xuntar os 3 cursos do ciclo de Infantil nunha mesma aula, a pesar de superar os ratios establecidos (14 cando o máximo é 12), pero é que ademais en Primaria, quere agrupar aulas que non están no mesmo ciclo, neste caso 2º e 3º, argumentando que supostamente “non pon nada na lei que o impida”.

Así o traslada a ANPA tras recibir a información do Claustro de Profesorado sobre a planificación do vindeiro curso escolar. Lembran que en Primaria, o acordo establece que os agrupamentos de 1º-2º e 3º-4º non deben superar as 14 crianzas, mentres que en 5º-6º o límite é de 18. Porén, a previsión de matrícula do CEIP de Caión para o curso 2026/2027 supera eses límites en todos os agrupamentos.

Con todo, a Dirección Xeral de Centros sostén que estes topes só son aplicables cando o alumnado pertence ao mesmo ciclo, polo que considera posible agrupar alumnado de 2º e 3º de Primaria, pertencentes a ciclos distintos, aínda que o grupo resultante estea formado por 15 alumnos e alumnas.

A ANPA considera que “esta interpretación carece de sentido pedagóxico e contradí a finalidade do acordo. Se o obxectivo é reducir o número de alumnado nas aulas mixtas para mellorar a atención educativa, non resulta coherente que ese límite deixe de aplicarse simplemente por agrupar dous cursos de ciclos diferentes. O número de alumnos e alumnas segue sendo o mesmo e tamén a complexidade de atender dous niveis educativos nunha mesma aula con alumnado de NEE”, explican.

A situación repítese tamén en Educación Infantil. O acordo establece que, cando unha aula mixta inclúa alumnado de 4º de Infantil, a ratio máxima será de 12 crianzas. Con todo, a proposta da Administración para o CEIP de Caión contempla un agrupamento de 14 alumnos e alumnas, superando igualmente o límite previsto.

Primeira consecuencia, no número de profesores

Esta interpretación tivo unha consecuencia directa na recente resolución do Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais (CADP), na que non foron ofertadas as vacantes que o centro consideraba necesarias para dar cumprimento aos criterios do acordo e manter unha organización axeitada á súa realidade.

Ante esta situación, a ANPA Balea manifesta o seu total apoio ao Claustro de Profesorado do CEIP de Caión e comparte a inquedanza publicamente alertando a outros centros. “As familias do CEIP de Caión reclaman que as decisións organizativas respondan ás necesidades reais do alumnado e garantan unha educación pública de calidade, con recursos suficientes, unha atención máis individualizada e un firme compromiso coa igualdade de oportunidades e coa defensa da escola rural galega”.

Comentarios