Martes. 17.09.2024
El tiempo

Caión acolle un singular proxecto medioambiental

ALaracha Activa en Caion
Caión acolle un singular proxecto medioambiental

O mar de Caión: Un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro. Así se chama o novo proxecto que poñen en marcha Concello da Laracha e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte. Un novo programa a realizar na vila de Caión e dirixido a favorecer o desenvolvemento local, potenciar o turismo e destacar o patrimonio medioambiental do litoral larachés.

O proxecto inclúe unha serie de actividades participativas, e tamén iniciativas para embelecer a paisaxe urbana da vila de Caión que se van levar a cabo durante os próximos meses. Preténdese que a poboación local e visitante reforcen o seu interese pola conservación do medio mariño e costeiro, xerando unha concienciación e un vínculo con este ecosistema que incremente a sensibilización social e favoreza a súa posta en valor.

Como primeiras propostas, este venres (30 de agosto) ás 19:30 h inaugurarase no Centro Sociocomunitario de Caión a exposición Os morcegos de Galicia cunha visita guiada coa colaboración do CEIDA. A mostra sobre esta especie tan importante para os ecosistemas, pero moi descoñecida para o público en xeral, poderase visitar ata o día 18 de setembro co obxectivo de que a poboación coñeza con que especies comparte o territorio, como están vinculadas ao medio ambiente costeiro e os beneficios que reportan ao resto dos animais e tamén ao ser humano.

Como actividade complementaria, o sábado (31 de agosto) desde as 20:00 h realizarase a ruta nocturna Os Mor-Cegos, os invisibles tornan visibles. Consistirá nunha primeira parte na que se fará unha breve explicación teórica para identificar as especies, como viven e como detectalas para, a continuación, realizar un percorrido pola contorna de Caión. Os datos recollidos enviaranse á Asociación de Morcegos de Galicia co obxectivo de colaborar na recompilación de citas para o Atlas de Morcegos. Para esta ruta nocturna as prazas son limitadas, polo que se require inscrición previa, que é gratuíta, acudindo á Oficina de Información Turística, chamando ao 981604328 ou enviando un correo electrónico cos datos persoais a [email protected].

En setembro vanse realizar outras actividades nas que, do mesmo xeito, tamén se require inscrición previa, como o obradoiro de redeiras (venres 20 ás 17:00 h), a camiñada polo Sendeiro Azul O mar forma parte inseparable da vida e da historia de Caión (sábado 21 ás 11:00 h) e o taller para coñecer as especies costeiras A arribazón, os tesouros do Mar de Caión (sábado 21 ás 18:00 h).

A outra parte do proxecto, centrada nas actuacións dirixidas a embelecer a paisaxe urbana, contempla a realización de catro murais en diferentes localizacións da vila e a creación dunha ruta selfie composta por estruturas que permitan tomar autorretratos e a instalación de letras corpóreas que visibilicen a identidade de Caión.

Comentarios