xoves. 02.10.2025
El tiempo

Caión estrea dous novos murais

Mural Rueiro das Figueiras
Mural das Figueiras
Caión estrea dous novos murais

Caión xa conta con dous novos murais creados por iniciativa do Concello para embelecer os espazos públicos da vila, reforzar a súa tradición mariñeira e dinamizar o turismo. Foron presentados esta finde á cidadanía polas súas creadoras, Carola Sánchez e Ana Santiso, nun acto que estivo copresidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e o presidente do GALP Costa da Morte, Evaristo Lareo, e no que se convidou a participar a toda a cidadanía para que veciños e visitantes puidesen coñecer os detalles das obras nunha visita explicativa, convertendo a mañá nun encontro de arte, memoria e identidade compartida.

Algario de Caión

Situado na baixada ao paseo marítimo desde a rúa da Torre, a carón da Confraría de Pescadores e o Arquivo da Pesca. A creación de Carola Sánchez combina técnicas tradicionais de esgrafiado en cal con traballo en cemento nun
reto técnico condicionado ás característica do muro e a súa exposición ao mar e ao veto. A composición mestura grafismo orgánico e figurativo inspirado no mar, cunha escena central que evoca a recollida do golfe, as algas autóctonas de Caión que foron durante xeracións aproveitadas polas familias da vila como recurso económico e agrícola. A obra rende homenaxe a ese labor, realizado sobre todo polas mulleres, e conecta co territorio a través do uso da cal como material con valor técnico e simbólico.

Mural Paseo Marítimo

As Redeiras de Caión

Sobre a fachada dunha vivenda no Rueiro das Filgueiras pode contemplarse o mural de Ana Santiso, que en tonalidades azuis recrea a memoria mariñeira e as súas protagonistas. Redes, traiñeiras, mariñeiros e sereas compoñen unha peza que honra a tradición das mulleres que cosían e amañaban redes prolongando a súa vida útil e facendo posible unha pesca sostible. O mural é tamén un retrato colectivo: veciños e veciñas recoñécense en escenas e lembranzas, desde antigas casas ata nomes de embarcacións, convertendo a parede nun espello da historia viva da comunidade.

Un proxecto global para Caión

Estes dous novos murais completan un proxecto máis amplo que nos últimos meses transformou a imaxe da vila co múltiple propósito de embelecela, reforzar a súa identidade mariñeira e dinamizar o turismo. Fíxose a través de O
mar de Caión, un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro co apoio da Consellería do Mar, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte, e co cofinanciamento da Unión Europea no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.

Hai agora un ano presentáranse outros dous murais na fachada dunha vivenda da Avenida da Laracha e na grúa do porto. E a primeiros do presente mes de setembro estreáronse as letras corpóreas co nome da Caión no paseo
marítimo e a creación da ruta Self-Caionízate, con cinco puntos pensados para inmortalizar a visita a Caión. O programa complementouse con actividades de educación ambiental, como foron a andaina polo Sendeiro Azul, a ruta para avistar aves mariñas e a exposición sobre esa mesma temática que, baixo o título Compañeiras do mar e do ceo, pode visitarse aínda ata o 3 de outubro no Centro Sociocomunitario.

Comentarios