Clausurados os Obradoiros de Emprego da Laracha e Carballo
Xornada de clausuras onte na Laracha e Carballo. O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, trasládabase dun concello a outro para clausurar os dous obradoiros de emprego desenvoltos durante os últimos meses.
Por un lado, e da man da directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tivo lugar a entrega de diplomas do obradoiro de emprego Fórum Dual. No acto participaron tamén a responsable da BDT, Mila Antelo, e o concelleiro de Innovación, Fondos europeos, Formación, Emprego e Axenda urbana, Iván Andrade.
Precisamente o acto rematou cunha demostración culinaria do alumnado deste Obradoiro de Cociña, no que aprenderon o mundo dos fogóns mentres cobraron un soldo.
Tamén foi emotiva a despedida dos Obradoiros da Laracha, compartido con Arteixo. 20 mozos e mozas dos concellos bergantiñáns aprenderon cobrando sendas actividades profesionais demandadas: Limpeza de espazos abertos e instalacións industriais e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
“Agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego”, destacaron os responsables políticos, dando conta da importancia destes Obradoiros, mediante os participantes combinan un contrato de formación e aprendizaxe durante 12 meses, cun contrato en prácticas nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.
Máis cursos
A partir do mes de novembro está prevista a posta en marcha de novas accións formativas para persoas desempregadas. En Carballo, neste curso desenvolveranse un total de cinco nas especialidades de cociña, electricidade, soldadura (2) e carpintería.
Ademais, o Concello de Carballo ten solicitado un novo obradoiro dual de emprego para seguir formando profesionais na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. Con esta nova acción formativa, denominada Carballo Coida II, pendente aínda da resolución da Xunta de Galicia, sería posible formar a 20 alumnos/as durante 12 meses.