'Cognix': Carballo, Arteixo e A Laracha alíanse para usar a IA na xestión municipal
Os concellos de Carballo, Arteixo e A Laracha únense para desenvolver o proxecto Cognix, unha plataforma de intelixencia artificial (IA) que presentarán de forma conxunta á convocatoria da Iniciativa Urbana Europea, un programa dependente directamente da Comisión Europea. Os tres municipios solicitarán unha achega de 2 millóns de euros, que financiaría integramente o desenvolvemento deste novo programa.
Un programa, o "Cognix" reside que analiza datos masivos (big data) para transformar a xestión local. A plataforma recollerá datos abertos e dispoñibles en redes sociais e dispositivos electrónicos para monitorizar, de forma totalmente anónima e agregada, as necesidades e comportamentos da poboación nos espazos públicos.
A gran innovación do proxecto é que permitirá estratificar a poboación en diferentes segmentos (infancia, mocidade, persoas maiores, persoas neurodiverxentes ou con necesidades específicas de accesibilidade) para saber que espazos —como parques, centros sociais ou liñas de transporte— utilizan máis e como o fan.
Esta información reverterá directamente na cidadanía a través de dúas vías:
- Investimentos eficientes: o Concello poderá dirixir os seus cartos cara a onde sexa máis necesario. Por exemplo, se os datos indican que un parque infantil é empregado maioritariamente por nenos e nenas de 0 a 3 anos, os servizos dese espazo reforzaranse e adaptaranse especificamente a esa franxa de idade.
- Unha aplicación personalizada: a veciñanza contará cunha ferramenta dixital para consultar que servizos e espazos do municipio se adaptan mellor ás súas características. Así, unha persoa con mobilidade reducida poderá saber ao instante que contornas están mellor adaptadas á súa situación.
Dende os concellos entenden que o uso desta tecnoloxía provocará melloras na mobilidade, ao ofrecer información en tempo real, permitindo deseñar o espazo urbano dun xeito máis inclusivo e sostible.
Ademais, a ferramenta estará aberta para o comercio e a hostalería que poderán acceder a información agregada da súa contorna, recibir formación de balde en "hospitalidade inclusiva" e atraer un fluxo de clientes que se axuste perfectamente ao tipo de negocio que ofrecen.