luns. 08.12.2025
El tiempo

Completada a nova instalación fotovoltaica no pavillón da Laracha

2025.12.06.- Pavillón Municipal da Laracha
Pavillón Municipal da Laracha
Completada a nova instalación fotovoltaica no pavillón da Laracha

O Concello da Laracha vén de completar a instalación dun novo sistema de produción de enerxía fotovoltaica. A actuación permitirá abastecer diferentes edificios municipais mediante a modalidade de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes.
O proxecto consistiu na colocación de paneis solares cunha potencia total de 99 kW na cuberta do pavillón polideportivo municipal, emprazamento seleccionado por ser o máis axeitado en termos de orientación, pendente e impacto visual reducido. Esta localización garante un óptimo aproveitamento da radiación solar e maximiza o rendemento da instalación.

O sistema fotovoltaico adaptarase de maneira idónea aos patróns de consumo dos edificios municipais, concentrados maioritariamente nas horas de maior produción. Ofrecerá subministro eléctrico á Casa do Concello, Edificio Interxeracional, Edificio Administrativo, biblioteca da Laracha, escola infantil “A Galiña Azul” e Casa da Cultura.

Segundo os estudos realizados, a posta en marcha deste equipamento permitirá alcanzar un autoconsumo do 56,7 %, reducindo a máis da metade tanto as emisións de CO₂ como o gasto eléctrico das instalacións conectadas. Trátase dun avance significativo cara a un modelo municipal máis respectuoso co medio ambiente e cun uso responsable dos recursos públicos.

O investimento total ascende a 119.500 euros, cofinanciados entre o Concello e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) a través da convocatoria de axudas para programas vinculados ao autoconsumo eléctrico e ao almacenamento no sector público, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo. A achega do Inega ascende a 86.625 euros, mentres que o resto do investimento é asumido con fondos municipais.
 

Parques Infantís

En paralelo, o Grupo Socialista da Laracha, a través da súa voceira Inés Ramos, presentará unha iniciativa para instar ao goberno local á elaboración dun Plan Integral de Cobertura dos Parques Infantís do municipio. A proposta chega despois do Pleno Infantil celebrado o 2 de decembro, no que o alumnado participante solicitou a creación de espazos de xogo cubertos e utilizables durante todo o ano.

Inés Ramos afirmou que “os nenos e nenas da Laracha, así como as súas familias, merecen parques seguros, accesibles e útiles os 365 días do ano”. Na iniciativa, o PSOE da Laracha solicita ao Concello a aprobación dun documento técnico que analice o estado actual dos parques infantís e a viabilidade da súa cobertura, a creación dun plan municipal que garanta espazos de xogo cubertos en todas as zonas do concello, a programación de investimentos plurianuais con partidas específicas a partir de 2026 e a implantación dun sistema de información que permita á veciñanza coñecer prazos, orzamentos e avances.

Ramos tamén valorou positivamente a retransmisión do Pleno Infantil a través da canle oficial de YouTube, indicando que “facilitou o seguimento da sesión por parte da veciñanza”. A voceira socialista insistiu en que esta práctica se estenda aos plenos ordinarios e afirmou que “a emisión en directo é unha ferramenta esencial para achegar a actividade municipal á cidadanía e reforzar a transparencia”, e pediu que esta práctica se estenda aos plenos ordinarios.

Comentarios