O Concello da Laracha explica a situación de tráfico na contorna do CEIP Otero Pedrayo
O Concello da Laracha considera necesario aclarar publicamente diversas afirmacións realizadas polo grupo municipal socialista en relación coa contorna do CEIP Ramón Otero Pedrayo, ao entender que non se corresponden coa realidade.
En primeiro lugar, o Concello asegura que non están a executar obras na contorna inmediata do centro educativo. "Actualmente, e desde hai meses, non hai ningunha obra nin traballos de ningún tipo desenvolvéndose nesa zona promovidos polo Concello ou por outra administración pública", explican.
Do mesmo xeito, aseguran que "non é certo que a estrada estea enlamada. Como consecuencia das intensas precipitacións rexistradas nos últimos días, puideron aparecer algunhas pozas de xeito puntual, situación habitual en episodios de chuvia forte e que en ningún caso se corresponde cunha situación de perigo xeneralizado como é o escenario descrito polo grupo socialista".
O que si se rexistrou foi un volume de tráfico superior ao habitual e retencións puntuais nos últimos días. Esta situación estivo directamente relacionada coa folga do transporte escolar, que obrigou a que por cada autobús que presta servizo habitualmente, accedesen á zona ducias de vehículos particulares. Trátase dun feito excepcional que, loxicamente, tivo impacto nun centro ao que acoden diariamente máis de 600 alumnos.
Ante esta circunstancia, a Policía Local estivo presente dirixindo o tráfico para reforzar a seguridade viaria, e cómpre lembrar que está establecido o sentido único de circulación na rúa José Añón nas horas de entrada e saída precisamente para facilitar a mobilidade e axilizar a tráfico cara o centro educativo.
"Desde o Goberno local considérase especialmente grave que o grupo municipal socialista difunda bulos sobre cuestións que afectan á seguridade na contorna escolar e á tranquilidade das familias", sinalan.