luns. 02.03.2026
El tiempo

O Concello da Laracha presenta o proxecto de Orzamentos

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente da Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas, Manuel García Montes na presentacion do proxecto orzamentos
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente da Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas, Manuel García Montes na presentacion do proxecto orzamentos
O Concello da Laracha presenta o proxecto de Orzamentos

Tras varias inquisicións da oposición, o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente da Comisión Informativa de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas, Manuel García Montes, presentaron hoxe o proxecto de Orzamentos Xerais do Concello para o ano 2026 que se prevé elevar ao Pleno nunha sesión extraordinaria que será convocada para o mércores da próxima
semana, día 11 de marzo.

As contas municipais para 2026, equilibradas en gastos e ingresos, ascenden a 11.910.000 euros, o que supón un incremento de 1.030.000 euros respecto ao exercicio anterior, é dicir, un 9,47 % máis. Trátase do orzamento máis alto da historia do Concello da Laracha, consolidando unha senda de crecemento sostido.

O alcalde explicou que a presentación das contas se viu retrasada pola "falta de datos imprescindibles para pechar as previsións, especialmente pola ausencia de Orzamentos Xerais do Estado" e pola pendente "resolución da participación municipal en programas doutras administracións". Unha vez recollida esa información, elaborouse un proxecto de orzamentos “realista, rigoroso e adaptado á realidade da Laracha”.

Desde o punto de vista dos ingresos, o incremento vén motivado principalmente polas maiores previsións derivadas de proxectos industriais xa presentados no municipio e aínda pendentes de liquidar o imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO); pola citada participación en programas convocados e financiados por outras administracións e polo obrigado aumento da taxa de recollida de residuos sólidos urbanos imposto polo Goberno Central. O resto de tributos e taxas municipais permanecen conxelados, reafirmando o compromiso do executivo local coa moderación fiscal.

No estado de gastos, o rexedor municipal fixo un percorrido explicativo por toda a estrutura orzamentaria. Así, explicou que o Capítulo 1 (Persoal) ascende a 2.790.050 euros (23,43 % do total). Inclúe o incremento do 1,5 % das retribucións que se está aplicando desde o pasado mes de xaneiro e recolle por primeira vez a consignación específica destinada á carreira profesional do funcionariado municipal.

O Capítulo 2 (Bens correntes e servizos), conta 7.233.655,23 euros (60,74 % do orzamento), mantense como o de maior peso ao concentrar todo o gasto corrente necesario para garantir o funcionamento ordinario dos servizos municipais: mantemento de infraestruturas, subministracións, contratos de prestación de servizos, custes enerxéticos, limpezas viarias e de edificios, recollida de residuos e funcionamento do punto limpo, etc.

O Capítulo 4 (transferencias correntes) experimenta un dos maiores incrementos, ata situarse en 727.810 euros (6,11 %), reforzando as axudas de emerxencia social, as subvencións a entidades culturais, educativas e deportivas e as achegas ás Comisións de Festas. 

O Capítulo 9 (Pasivos financeiros), destinado á amortización da débeda, cunha consignación de 127.000 euros.

Especial relevancia cobra o Capítulo 6 (Investimentos reais), que supera o millón de euros —1.006.848,77 euros, o 8,45 % do total—. Entre as actuacións previstas inclúense: 

INVESTIMENTOS ORZAMENTOS 2026

ACTUACIÓN

IMPORTE EN €

Achega municipal para: 

- Creación do novo aparcamento do CEIP Otero Pedrayo.
- Humanización da Avenida López Astray e 
- Plan especial do Igrexario de Lestón(expropiación e proxecto de urbanización)

 

286.252,77

Mellora da rede viaria

151.000

Posta en valor das Torres de Cillobre

115.000

Rehabilitación e equipamento da Casa do Concello e o seu entorno

115.000

Mobiliario edificios e instalacións municipais

98.000

Rehabilitación da Casa reitoral de Montemaior e 
do Centro Social da Insua de Caión

85.000

Equipamento e aplicacións informáticas

40.732

Plan de parques infantís

35.000

Melloras redes abastecemento e saneamento

28.000

Adquisición de novo vehículo para a Policía Local

22.000

Renovacións paneis turísticos e de 

protección do medio ambiente

13.000

Adquisición contedores recollida selectiva

10.000

Melloras en instalacións deportivas

7.500

 

 

TOTAL

1.006.484,

Comentarios