Destacan a versatilidade do novo punto limpo móbil da Laracha
Visita institucional hoxe á Laracha para coñecer o novo punto limpo móbil para a recollida de residuos especiais adquirido polo Concello. A visita realizouse na igrexa de San Julián de Coiro, onde o alcalde da Laracha, José Manuel López recibía á delegada da Xunta Belén Docampo, que destacou o aproveitamento eficaz dos recursos públicos da administración local.
De feito, este municipio coruñés beneficiouse na convocatoria de 2025 de distintas achegas que suman case 101.000 euros, entre as que se atopa a destinada á adquisición do punto limpo móbil (61.000 euros), os máis de 13.000 euros para melloras nos puntos limpos existentes, outros 13.000 euros para proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos (compostaxe in situ) e finalmente outros 13.000 euros para proxectos de implantación, ampliación ou mellora de recollida selectiva separada de biorresiduos.
O novo punto limpo móbil está facilitando o depósito de residuos voluminosos e especiais por parte dos máis de 11.700 habitantes do municipio. Desde o pasado 16 de febreiro este punto limpo móbil visitou 11 parroquias: Torás, Lestón, Caión, Lendo, Lemaio, Cabovilaño, Vilaño, Golmar, Montemaior, Soandres e Erboredo. A maiores, esta semana estará en Coiro e a segunda semana de maio estará en Soutulllo, para prestar un servizo que evita a existencia de vertidos incontrolados.