xoves. 02.04.2026
El tiempo

A Laracha volve celebrar o Mes do Libro cun completo programa para todos os públicos

MES DO LIBRO Laracha 2026
A Laracha volve celebrar o Mes do Libro cun completo programa para todos os públicos

O Concello da Laracha volve celebrar durante o abril o programa do Mes do Libro, unha iniciativa cultural dirixida ao público infantil e familiar que ten como obxectivo promover o hábito lector arredor do Día Internacional do Libro, que se conmemora o 23 de abril.

A programación deste ano inclúe cinco actividades que combinan narración oral, música, ciencia e participación activa do público, desenvolvéndose en diferentes espazos municipais da Laracha, Paiosaco e Caión.

A primeira cita terá lugar o venres 10 ás 18:00 horas na Biblioteca da Laracha co obradoiro de ciencia S.O.S. A Terra: propiedades da auga, a cargo de Ciencia en Movemento. Trátase dunha proposta divulgativa e participativa que busca concienciar á rapazada sobre a importancia de coidar o planeta, abordando cuestións como o cambio climático, os tipos de contaminación ou a necesidade de apostar por hábitos sostibles mediante experimentos e xogos.

Todas as actividades son de carácter gratuíto, pero neste único caso será necesaria inscrición previa por ser as prazas limitadas e estar dirixido exclusivamente a persoas empadroadas. O prazo abrirase o luns da semana que vén, día 6 de abril, ás 9:00 horas a través do formulario que estará dispoñible na web municipal e nas redes sociais do Concello.

O mércores 15 será a quenda do contacontos musical Contos para caghar patatillas, de Brais das Hortas, no Centro Sociocomunitario de Caión ás 18:00 horas. A través de historias cheas de humor, música e participación do público, o espectáculo aborda o medo como emoción natural e ofrece ferramentas para afrontalo, combinando narración, efectos sonoros e construción de instrumentos con materiais de refugallo.

O sábado 18 ás 17:00 horas o baixo da Biblioteca da Laracha acollerá o espectáculo para primeira infancia Nube de algodón, de Trémola Teatro, dirixido a bebés de entre 0 e 3 anos. A proposta segue a historia dunha pequena nube que cambia de cor segundo as súas emocións, convidando ás familias a acompañala nunha viaxe sensorial para descubrir e comprender os sentimentos.

A programación continuará o mércores 22 ás 18:00 horas na Biblioteca de Paiosaco co contacontos O gato con contos, de Manuela Contacontos. A través de diferentes historias protagonizadas por gatos, a actividade promove valores como a autoestima, a aceptación persoal e a superación de medos e complexos nun formato dinámico e participativo.

Finalmente, o xoves 23, coincidindo co Día Internacional do Libro, celebrarase na Biblioteca da Laracha ás 18:00 horas o contacontos participativo Aventuras da patrulla do lixo, de Pedras de Papel. A proposta combina narración con monicreques e un pequeno obradoiro para fomentar a conciencia ambiental e estimular a creatividade da cativada.

Na organización do programa do Mes do Libro o Concello conta coa colaboración da Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito para a Rede de Bibliotecas de Galicia.

Comentarios