A Laracha xa ten o seu diploma que a acredita como Cidade Amiga da Infancia

O alcalde da Laracha, á dereita, recollendo o galardón Cidade Amiga da Infancia

O pasado 25 de novembro coñecíase que finalmente a UNICEF recoñece ao Concello da Laracha como Cidade Amiga da Infancia. Despois de varios anos facendo partícipe á mocidade e á infancia larachesa da política municipal, a entidade internacional entregaba onte en Madrid un diploma ao rexedor José Manuel López Varela e á concelleira Rocío López. A Laracha é, xunto a Cerceda, o único Concello galego que se une a esta rede neste 2025, xunto con outros 16 concellos en todo o estado. Unha rede que xa forman 311 entidades locais, despois de 20 anos de compromiso cos dereitos, o benestar e a participación das nenas, nenos e adolescentes.

Durante a entrega, destacouse o esforzo da Laracha por avanzar na implantación do Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA) e por consolidar unha cultura municipal baseada na participación activa e real da infancia. De feito, a actividade do Espazo de Participación Infantil e Adolescente (EPIA), o reforzo das políticas locais centradas nos máis novos e a visión transversal da infancia e da adolescencia dentro da acción municipal foron elementos chave no proceso que posibilitou a obtención deste distintivo.

O alcalde considera que “este é un premio ao esforzo que desde o Concello estamos a facer no presente para poñer á infancia e á adolescencia no centro das políticas municipais, pero sobre todo é unha porta aberta ao futuro. Temos unha infancia activa, creativa e implicada, e o noso deber é seguir construíndo espazos onde poidan expresarse, participar e crecer en liberdade, seguridade e felicidade”. López Varela concluíu afirmando que “este recoñecemento, que nos enche de orgullo como Concello, é o premio ás políticas municipais, pero tamén aos nenos, nenas e adolescentes da Laracha, porque son eles quen nos inspiran cada día a mellorar”.

 

Máis novas