sábado. 07.12.2024
El tiempo

O Concello da Laracha presente no Congreso “Cidades Amigas da Infancia” de UNICEF

2024.10.30.- Congreso UNICEF (2)
O Concello da Laracha presente no Congreso “Cidades Amigas da Infancia” de UNICEF

O Concello da Laracha está presente no VI Congreso “Cidades Amigas da Infancia” que organiza UNICEF España. A concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, e a educadora familiar Lucía Iglesias son as representantes municipais no evento que está a desenvolverse entre hoxe e mañá en Toledo.

A edila, xunto ao resto de alcaldes e concelleiros de toda España presentes, asinou a declaración institucional “Por unha infancia sen violencia” que tamén será proposta á Corporación municipal para aprobar no próximo Pleno en conmemoración do Día Mundial da Infancia que se celebra o 20 de novembro. 

Foi o acto central da xornada de hoxe na que participaron, entre outras autoridades, Gustavo Suárez-Pertierra, presidente de UNICEF España, Luis Martínez-Sicluna, secretario xeral da Federación Española de Municipios y Provincias, e María Ángeles Espinosa, directora do Instituto Universitario de Necesidades y Derechos de la Infancia y Adolescencia.

O Concello da Laracha aspira a obter o recoñecemento de “Cidade Amiga da Infancia” por parte de UNICEF España, distinción que se concede a aqueles municipios que mostran o seu compromiso co impulso dos dereitos da infancia e a adolescencia mediante a aplicación de modelos de xestión e de sistemas de gobernanza que xeren mecanismos reais de participación dos nenos e mozos cunha estratexia a longo prazo que sitúe a eses colectivos no centro das políticas municipais.

Comentarios