O Museo dos Muíños de Golmar, un recurso para coñecer a riqueza dos nosos ríos
O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, situado na antiga Casa Reitoral de Golmar, é un fantástico recurso turístico para a comarca de Bergantiños. Habitualmente reciben visitas programadas, como as do Centro Ecuestre O Ventoso ou calquera grupo que que o solicite. Pero ademais, durante o verán o museo está aberto ao público os venres e o sábados, de 10:00 a 14:00 horas. .
A entrada é gratuíta nesta instalación que conta co distintivo de Centro Azul en recoñecemento ao seu labor de educación ambiental.
Na instalación faise un percorrido por medio de mapas, documentos, imaxes e pezas reais de muíños, a través do que os visitantes poderán coñecer como era o seu funcionamento, a súa importancia social e os diferentes tipos de muíños que existían na Costa da Morte. O exterior do museo dispón dunha ampla área de descanso dotada cun parque infantil, sendo un lugar ideal para acudir en familia, e descubrir a riqueza dos ríos Acheiro, Bradoso e Anllóns.