A rapazada da Laracha, protagonista de novo no XIII Foro Infantil UNICEF
A Laracha estivo onte presente no XIII Foro Infantil UNICEF celebrado no Parlamento de Galicia, un encontro marcado polo lema oficial Acéndete polos dereitos da infancia e no que a voz dos consellos locais volveu ocupar o centro da xornada. Representaron ao municipio sete rapaces e rapazas que son voceiros do EPIA (Espazo de Participación Infantil e Adolescente) da Laracha e viaxaron a Santiago de Compostela acompañados polo alcalde, José Manuel López Varela, e pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rocío López.
Durante o acto, os representantes dos consellos locais de diferentes municipios galegos trasladaron á vicepresidenta do Parlamento -Elena Candia-, grupos parlamentarios e representantes de Consellerías da Xunta de Galicia as propostas e conclusións elaboradas nos obradoiros do encontro celebrado en Nigrán na fin de semana do 18 e 19 de outubro, unha cita na que tamén participou A Laracha. Nos traballos desenvolvidos naquela xornada os rapaces abordaron cuestións vinculadas aos dereitos da infancia, á participación e aos retos sociais que lles afectan no seu día a día.
Ademais das presentacións, os grupos locais entregaron un manifesto conxunto e unha lanterna simbólica co propósito de “acender”, de maneira literal e metafórica, o compromiso institucional cos dereitos da infancia, un dos elementos centrais desta edición do foro.
A intervención da larachesa Eva Misu, voceira do EPIA, tivo un papel destacado. No seu discurso abordou o impacto positivo e negativo que pode ter a internet na saúde mental da infancia e da adolescencia, unha reflexión que esperta cada vez máis interese social e institucional pola súa relevancia na vida diaria da mocidade.
A presenza da Laracha nesta nova edición do Foro Infantil UNICEF consolida a traxectoria do municipio como referente na promoción da participación infantil e adolescente, reforzando o compromiso municipal de seguir impulsando espazos nos que a rapazada poida expresar, propoñer e construír de maneira activa as políticas que lles afectan.