A Laracha xa é candidata oficial ao recoñecemento de UNICEF como Cidade Amiga da Infancia
Está traballando moito o Concello da Laracha para conseguilo. E esta fin de semana vén de coñecer que está entre as candidatas para recibir recoñecemento de Cidades Amigas da Infancia 2024 por parte de UNICEF España. Trala análise dos informes emitidos pola comisión técnica de valoración, a Secretaría Permanente acordou outorgar á Laracha a condición de candidata, medida transitoria e encamiñada a que o Concello avance na implementación do Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA), que leva un ano en marcha. Este é o primeiro paso para acadar a distinción por primeira como máximo no ano 2027.
Este distintivo ao que aspira A Laracha é outorgada por UNICEF para impulsar os dereitos da infancia e da adolescencia no ámbito local. Concédese aos concellos que mostran o seu compromiso nesa materia mediante a aplicación de modelos de xestión e de sistemas de gobernanza que xeren mecanismos reais de participación dos nenos e mozos cunha estratexia a longo prazo que sitúe a eses colectivos no centro das políticas municipais.
Neste sentido, o Concello ten en vigor desde hai máis dun ano o PLIA, a folla de ruta que articula o compromiso cos dereitos e o benestar dos nenos e adolescentes e orienta as políticas municipais nesa materia, expoñendo os retos e metas que se deben acadar para os vindeiros anos. No marco do PLIA foi creado o Espazo de Participación de Nenos, Nenas e Adolescentes, que leva a cabo iniciativas nese eido.
A obtención da distinción como “Cidade Amiga da Infancia” suporía o recoñecemento de UNICEF ás boas prácticas municipais e un aliciente para o desenvolvemento, a mellora continua e a innovación das políticas locais dirixidas á infancia e á adolescencia.