Touri e o seu Castelo Conta chegan á Laracha co proxecto “Mulleres en Rede”

As mulleres sempre foron a columna vertebral do rural, pero moitas veces a súa voz quedou en silencio. Con esta idea na cabeza, a Asociación Cultural Adro de Vilaño presentou en Vilaño o proxecto “Mulleres en Rede”, unha iniciativa que busca recoñecer, conectar e poñer en valor o papel esencial das mulleres no rural e na sociedade en xeral. Unha iniciativa que quere lembrar que sen as mulleres non hai futuro, e que o rural tamén pode ser un espazo de vangarda en igualdade, cultura e transformación social.
Este proxecto, promovido polo Castelo Conta e financiado pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, enmárcase dentro da iniciativa da Asociación Cultural Adro de Vilaño chamada “Terra de Mulleres”. Segundo explica Diego Rama, presidente da Asociación: “Este é só o primeiro paso dun soño grande ao que decidimos chamar Terra de Mulleres. Ese soño é construír unha comunidade interxeneracional de mulleres orgullosas, visibles e unidas, que desfruten e se inspiren mantendo vivo o noso rural”.
O acto de presentación, celebrado no Centro Sociocultural de Vilaño, contou ca presenza do actor e humorista Xosé A. Touriñán e a cineasta e directora do proxecto Hadriana Casla, os cales compartironm unha perspectiva inspiradora e emotiva do proxecto.
Na iniciativa participan arredor de vinte mulleres de Vilaño, a meirande parte delas maiores de 65 anos, que aportan a súa experiencia e memoria viva. Xunto a elas, tamén se suman mulleres chegadas doutros países que hoxe forman parte da vila, para que poidan compartir a súa voz e sentirse protagonistas activas da vida social no concello.
O foco estará posto na recollida de saberes relacionados cos coidados que tradicionalmente asumiron as mulleres do rural: crianza, coidado de maiores (pais, sogros, tíos), coidado da casa e da horta, así como ao seu propio autocoidado, un aspecto moitas veces invisibilizado. No proxecto participará tamén un grupo de mulleres da Illa de Arousa, xunto coas mulleres de Castelo (Culleredo).