mércores. 11.12.2024
El tiempo

Os Venres Teatrais cumple dúas décadas achegando as artes escénicas á Laracha

Cartel Venres Teatrais Laracha 2024
Os Venres Teatrais cumple dúas décadas achegando as artes escénicas á Laracha

A programación cultural municipal ten no mes de novembro unha das citas de referencia cos Venres Teatrais, o ciclo consolidado na Laracha por ofrecer desde hai máis de dúas décadas espectáculos de primeiro nivel do panorama audiovisual galego.

Como é habitual, os Venres Teatrais terán comedia, drama e tamén espazo para a concienciación social ao incluírse unha das obras no programa municipal de actividades en torno á conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres que se celebra o 25 de novembro.

O pano abrirase na Casa da Cultura da Laracha o venres 8 de novembro con Entrega en man, unha comedia tola e denegrida na que, cun humor mordaz e corrosivo, zumegan temas tan candentes coma o racismo, o machismo e a xenofobia. O elenco está formado por Evaristo Calvo, María Roja, Santi Romay e Diogo Sales, que escenifican esta adaptación de Contraproducións do texto orixinal de Martin McDonagh.

O venres 15 ofrecerase As que limpan, de A Panadaría. É unha sátira utópica inspirada na loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Estará interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.

O día 22 será a quenda para Malasombra Producións coa peza Testosterona. Luis Iglesia e Camila Bossa dan vida a dous subdirectores dun importante medio de comunicación que aspiran a asumir a dirección do mesmo. Aínda que se trata dunha comedia, aborda e propón unha reflexión sobre a desigualdade laboral. Pola súa temática, a obra inclúese tamén na programación municipal en torno ao 25 de novembro.

O ciclo concluirá o venres 29 con Neura, o último espectáculo de De Ste Xeito Producións, unha comedia neurótico-festiva que trata o tema da saúde mental protagonizada por Stephy Llaryora y Sergio Macías.

En todos os casos os espectáculos van dirixidos a maiores de 13 anos de idade, principiarán ás 21:00 horas na Casa da Cultura e a entrada será de balde. 

O programa Venres Teatrais é organizado polo Concello da Laracha coa colaboración da Deputación da Coruña e o Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Comentarios