O Voluntariado Sénior xa axuda na Laracha
O Concello da Laracha ten en marcha desde o pasado mes de setembro o programa de voluntariado sénior ‘Axúdoche’ que se realiza por primeira vez na Laracha coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.
Están a participar persoas maiores de 55 anos de idade que colaboran como voluntarias en diversas iniciativas en beneficio de diferentes colectivos de poboación vulnerable ou en risco de exclusión. Entre ditas actividades están o acompañamento social e emocional, cooperación en trámites da vida diaria, respiro familiar, etc.
Este programa encerra un gran potencial en materia de axuda mutua, xa que pretende lograr unha maior implicación e integración na comunidade dos voluntarios sénior cos obxectivos de promovelo na Laracha para romper cos prexuízos e estereotipos da participación das persoas maiores despois das moitas iniciativas realizadas nos últimos anos para o voluntariado xuvenil, contribuír ao envellecemento activo, aproveitar o coñecemento e a experiencia das persoas maiores para a realización de actividades de interese social e, en definitiva, potenciar a solidariedade e implicación da veciñanza en programas que melloran o benestar social e a calidade de vida dos laracheses.