A Xunta financia, sen xuros, as obras de mellora contorna urbana do CEIP Otero Pedrayo
O Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes permitirá realizar a mellora da contorna urbana do CEIP Otero Pedrayo. Trátase dunha colaboración entre administracións a través da concesión dun préstamo que rolda os 115.000 euros, sen xuros.
O convenio rubricado hoxe en San Caetano no marco deste fondo, ten así como obxectivo executar as obras necesarias para mellorar a accesibilidade, seguridade viaria e calidade urbana desta contorna escolar. Para iso, as intervencións proxectadas polo Concello inclúen como actuacións a renovación de pavimentos, a mellora de accesibilidade, drenaxe, alumeado, mobiliario urbano, sinalización e zonas verdes.
Novas obras viarias
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada onte acordouse adxudicar a execución de dous proxectos de mellora da rede viaria que afectan a zonas rurais situadas en catro parroquias.
Unha das actuacións localízase no núcleo da Areosa en Vilaño. Prevese actuar en aproximadamente 300 metros de estradas para renovar a superficie de rodadura dos vehículos e reforzar a seguridade coa nova sinalización horizontal e vertical.
En Torás intervirase nos accesos á Braña nunha lonxitude de 452 metros. Ademais de renovar o pavimento e reforzar a sinalización, acondicionaranse os sobreachos para incorporalos á plataforma da calzada.
Esas mesmas obras levaranse a cabo nos núcleo de Borreiros e O Loureiro de Borreiros, en Soandres, con outros 450 metros de vía afectados, e en tres estradas da Grela, en Lestón, que superan o medio quilómetro de distancia. Neste último caso aproveitaranse os traballos para ampliar a rede de abastecemento de auga e dotar con ese servizo ás vivendas unifamiliares construídas recentemente nesa zona.
O investimento total alcanzará os 166.000 euros, que serán cofinanciados pola Deputación da Coruña ao estar estes proxectos incluídos no Plan Único POS+.