Os alcaldes de Cabana, Laxe e Zas reiteran á Xunta o seu rexeitamento ao proxecto mineiro ‘Jorge Reyes’

Paco Charlin, Lolo Muíño e José Muíño na Xunta

Os alcaldes Cabana de Bergantiños, José Muíño (PP); de Laxe, Francisco Charlín (PP); e de Zas, Manuel Muíño (BNG), mantiveron unha reunión co director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, para abordar a situación do permiso de investigación mineira ‘Jorge Reyes’, a coñecida como mina de Fornelos.

A reunión foi solicitada conxuntamente polos tres concellos tras a autorización deste permiso de investigación, co obxectivo de trasladar directamente á Xunta de Galicia a posición institucional común de rexeitamento ao proxecto e expresar a preocupación existente nos tres municipios.

Durante o encontro, o director xeral explicou que a autorización concedida corresponde unicamente a un permiso de investigación e que non implica, en ningún caso, unha autorización para a explotación mineira. Así mesmo, comprometeuse a que, no caso de que a empresa promotora solicitase no futuro a transformación deste permiso nun de explotación, a Administración autonómica realizaría un seguimento especialmente rigoroso do expediente e actuaría coa máxima vixilancia na súa tramitación.

Pola súa banda, os tres alcaldes reiteraron a súa firme oposición ao proxecto mineiro, unha posición que xa quedou plasmada coa presentación, o pasado 30 de xuño, dun recurso de reposición conxunto contra a autorización do permiso de investigación. Trátase dunha actuación institucional coordinada, sustentada en argumentos técnicos, urbanísticos, ambientais e patrimoniais, que defende unha visión conxunta do territorio afectado e a protección dos intereses da veciñanza.


Os rexedores quixeron tamén poñer en valor a resposta social existente nos tres concellos e agradecer o compromiso demostrado pola veciñanza na defensa do territorio, do medio natural e do patrimonio cultural e paisaxístico.
Neste sentido, lembran que a realización das catas ou traballos de investigación previstos ao abeiro deste permiso require necesariamente o consentimento das persoas propietarias das parcelas afectadas. Sen esa autorización expresa, a empresa non pode acceder ás fincas para executar os traballos de investigación.

Os tres concellos reiteran que continuarán actuando de maneira coordinada durante toda a tramitación administrativa, defendendo os intereses dos seus municipios e mantendo unha comunicación permanente coa cidadanía para  trasladarlle toda a información que se produza sobre este expediente.

Máis novas