Concello e veciñanza establecen en Zas unha fronte común contra o proxecto mineiro de Fornelos
Reaccion inmediata en Zas ante o anunciado permiso de investigación mineira na zona de Fornelos. Este pasado venres, o Concello convocaba unha reunión coa veciñanza, nomeadamente coa Asociación de Veciños A Fonte de Fornelos. O encontro reuniu a numerosos veciños e veciñas interesados en coñecer o alcance deste trámite administrativo e os seus posibles efectos sobre o territorio, así como a representantes da Plataforma en Contra da Mina de Coéns.
Durante a reunión, o alcalde de Zas, Manuel Muíño, explicou que este permiso de investigación constitúe a fase previa a unha futura explotación mineira, polo que resulta "fundamental mostrar xa dende este momento unha oposición firme, unida e decidida". Así mesmo, apuntou que as competencias en canto á minería lle corresponden ao estado español, mentres que o desenvolvemento e permisos dependen da Xunta de Galicia, non tendo o Concello competencias.
“Estamos ante o primeiro paso dun posible proxecto de explotación no futuro. os efectos desta futura mina afectarán ao tódolos veciños de Fornelos dada a proximidade da mesma a Fornelos e serán efectos devastadores para o medio e para as persoas", sinalou o rexedor, quen trasladou á veciñanza a súa total disposición para dar “os pasos precisos para defender os intereses do territorio e evitar as consecuencias dun proxecto destas características, chegando os tribunais si fose preciso”.
Muíño explicou, así mesmo, que para extraer un quilogramo “precísase remover e procesar entre 8 e 12 kg de terra. A empresa ten pensado extraer en Coéns 9.000 toneladas anuais, o que suporía un movemento anual de terras de máis de 100.000 toneladas”.
Concello e asociación veciñal acordaron actuar de forma coordinada e manter unha fronte común ante unha iniciativa que, segundo se expuxo durante o encontro, podería ter importantes repercusións sobre a paisaxe, a actividade económica local, o medio natural e a calidade de vida da poboación.
Como primeira medida, ambas entidades elaboraron un modelo de recurso de reposición que estará a disposición da cidadanía para facilitar que todas aquelas persoas que o desexen poidan expresar formalmente a súa oposición ao permiso de investigación e deixar constancia da posición veciñal ante a Administración autonómica, prazo para presentar este recurso remata o 30 de xuño.
Durante a reunión tamén se informou de que calquera actuación relacionada coa investigación mineira que implique a realización de catas ou traballos en parcelas privadas deberá contar coa autorización das persoas propietarias, non podendo acceder ás fincas sen o seu consentimento.

