A plataforma de afectados e afectadas polo permiso mineiro Jorge Reyes en Zas, Cabana e Laxe reúnese co PSOE
Continúa a veciñanza afectada pola mina de Fornelos buscando apoios. Desta volta foi o grupo do PSdeG-PSOE o que se reunía coa plataforma de afectados e afectadas polo permiso de investigación mineira Jorge Reyes nos municipios de Zas, Cabana de Bergantiños e Laxe.
Participaron na xuntanza a deputada autonómica Patricia Iglesias, a voceira socialista zaseira Sheila Rial e o voceiro socialista laxense Paco Vidal. Tamén estiveron presentes representantes da Plataforma en Contra da Mina de Coéns, en Laxe.
Iglesias comezou sinalando que o obxectivo da xuntanza foi o "de escoitar de primeira man as preocupacións da veciñanza" respecto deste novo permiso mineiro. O que constatamos é unha enorme inquietude ante un proxecto que afecta a núcleos habitados, propiedades particulares e a unha contorna de extraordinario valor ambiental, paisaxístico e patrimonial da Costa da Morte", explica a socialista.
"O goberno galego ten a obriga de garantir que toda a veciñanza dispoña de información clara, completa, accesibles o alcance real deste permiso de investigación", engade. Iglesias subliña que aínda que este permiso non supón unha explotación mineira "si abre as portas a actuacións futuras sobre o territorio que poden afectar aos dereitos das persoas propietarias e ao futuro da comarca".



