Cabana e Vimianzo invitan a gozar das súas noites

Os Concellos de Cabana e Vimianzo organizan dúas saídas nocturnas.
Recunchos de petróglifo en Vimianzo
O Concello de Vimianzo abre o prazo de inscrición para participar na andaina ‘Noite de Petros’, unha actividade enmarcada no programa Recunchos 2025 que ten como obxectivo achegar á veciñanza a historia destes elementos que forman parte do patrimonio do municipio.
Durante a camiñada, que terá lugar o vindeiro 29 de agosto, farase unha visita ao Petróglifo de Somontemío, a Cruz do Loureiro e os Petróglifos do Prado da Cruz, da man do veciño do municipio David Roget e membros do Colectivo A Rula.
Trátase dunha andaina nocturna de 4,4 quilómetros, polo que é imprescindible ir equipado con lanterna, calzado axeitado para camiñar polo monte e roupa cómoda. A luz dos focos permitirá contemplar con todo luxo de detalles os gravados.
A saída terá lugar ás 22:00 horas desde a praza do Concello.
As persoas interesadas en participar deben formalizar a súa inscrición de maneira previa a través da ligazón habilitada na páxina web municipal: https://www.vimianzo.gal/axenda.php?id=1534&idioma=gl&sec=81
Ruta das estrelas de Cabana
Un ano máis, veciños e visitantes terán a oportunidade de descubrir os misterios do ceo nocturno da man do recoñecido físico Jorge Mira, quen volverá exercer de guía nesta camiñada especial.
Tras o solpor, os participantes poderán gozar dunha experiencia única de observación astronómica, aprendendo curiosidades e coñecementos sobre o universo nun entorno privilexiado.
A actividade comezará ás 22:00 horas dende o Dolmen de Dombate e percorrerá o camiño ata o castro de Borneiro, nun traxecto cheo de historia e beleza natural.
A participación é libre e gratuíta. Recoméndase levar lanterna, roupa cómoda e de abrigo para maior confort durante o percorrido.